A Casa da Cultura de Tomiño acolle o IX Concurso-Exposición de Beléns da asociación Solleiro Poderá visitarse dende o 23 de decembro ao 7 de xaneiro. Mentres, o martes 26 volverá a programación de Nadal con contacontos e obradoiros no mercado tomiñés

A Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Solleiro inaugura este sábado 23 de decembro o IX Concurso-Exposición de Beléns de Tomiño, que como cada ano estará a disposición do público na Casa da Cultura ata o vindeiro 7 de xaneiro. Nesta mostra, organizada en colaboración con Concello de Tomiño, participan numerosas persoas, asociacións e colectivos escolares da comarca.

A exposición manterá as súas portas abertas ao público de luns a sábado de 18.00 a 20.00 horas e os domingos de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas. Ao remate da mostra concederanse premios para os tres primeiros clasificados en cada categoría, mentres que o resto de participantes levarán un obsequio conmemorativo.

Programación de Nadal

Por outra banda, o programa de Nadal municipal retomarase o vindeiro 26 de decembro co comezo dos contacontos para nenos e nenas e os obradoiros para todas as idades que se celebrarán no Mercado de Tomiño ata o 30 de decembro. Así, para nenos de 4 a 10 anos, na praza de abastos da Praza do Seixo haberá a partir das 17.00 horas contacontos e obradoiros que se centrarán no ‘Reno Renato e outros contiños’ o día 26, en ‘O homiño de mazapán e outras historias para merendar’ o día 27 e no ‘Tren de Martiño e outros contos no camiño’ o día 28.

O día 29 de decembro o Mercado de Tomiño acollerá durante toda a xornada talleres para todas as idades. Así, pola mañá, ás 11.00 horas haberá un obradoiro sobre xoguetes e consumo responsable para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos e ás 12.00 horas os nenos e nenas de 3 a 7 anos traballarán a igualdade a través da publicidade. Xa na quenda de tarde, os mozos e mozas de 13 a 17 anos profundarán sobre o consumo na rede (18.00 horas) e os maiores aprenderán sobre alimentación e interpretación de etiquetado a partir das 19.00 horas.

Para participar nos contacontos e nos obradoiros de Nadal os interesados terán que inscribirse a través da páxina web nos seguintes enlaces (https://tomino.gal/formulario-de-incricion-obradoiros-e-contacontos-nadal-2017/ e https://tomino.gal/formulario-alimentacion-e-interpretacion-de-etiquetado-nadal-2017/) ou no departamento de Cultura do Concello de Tomiño.

O Apalpador chegará ao Mercado de Tomiño o vindeiro 30 de decembro ás 12.00 horas.  E, pola tarde (17.00 horas), o Mago de Oz encherá de maxia o auditorio de Goián co seu musical infantil. A este espectáculo os nenos e nenas poderán asistir de balde, mentres que os adultos terán que pagar unha entrada de 3 euros.

A Praza do Seixo encherase de maxia e cor os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa colocación de inchables para o disfrute dos máis pequenos e pequenas da casa e cos obradoiros que se celebrarán de 16.00 a 20.00 horas.

A Cabalgata de Rei será o venres 5 con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e o seu tradicional percorrido ata a Praza do Seixo, onde os nenos e nenas de Tomiño serán recibidos polas súas Maxestades os Reis Magos e onde haberá sorteo de varios agasallos.