A cidadanía de Tomiño e Cerveira terá que escoller entre 8 propostas de actividades conxuntas As votacións para elixir os proxectos do II Orzamento Participativo, incluído na Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza, serán do 20 de decembro ao 20 de febreiro

Xa hai novas propostas para a segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño. Tras a revisión do comité técnico, a cidadanía de ambos os dous concellos terá que escoller finalmente entre 8 proxectos distintos de cooperación presentados por un total de 12 entidades e dous cidadáns dos dous municipios implicados nesta iniciativa. Son iniciativas que serán acometidas en conxunto por ambos os dous concellos enmarcadas no orzamento do OPT para 2018.

As votacións comezarán o vindeiro 20 de decembro e estarán abertas ata o 20 de febreiro de 2018. Nestes dous meses todos os cidadáns e cidadás que aparezan recollidos no censo electoral de Tomiño e Cerveira poderán elixir entre oito propostas promovidas polos seus concidadáns, por entidades e particulares, e votalas de xeito telemático a través da propia web do OPT. Soamente necesitará o DNI para identificarse, dato que será cotexado por parte dos servizos municipais para garantir que todos os votantes cumpran os requisitos. En caso contrario, o voto será declarado nulo.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Cerveira e Tomiño na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Mediante o OPT os concellos de Tomiño e Cerveira reservan unha cantidade fixa de 20.000 euros, dos que cada municipio pon 10.000 euros, para actividades escollidas pola súa cidadanía a proposta deles mesmos.

Proxectos

Entre os proxectos que poderá escoller a cidadanía atópase unha iniciativa para ofertar actividades artísticas dirixidas á poboación escolar de primaria e secundaria, unha proposta para realizar intercambios musicais transfronteirizos ou unha idea para o intercambio cultural e turístico entre concellos.

Os votantes tamén poderán elixir unha iniciativa para fomentar o deporte entre os mozos e mozas en risco de exclusión social, outra para crear unha aplicación para dispositivos móbiles de turismo accesible, unhas xornadas sobre accesibilidade, un proxecto para abordar os problemas dos consumidores ou o plan para o fomento da práctica do BTT&Trail Running.

Obradoiro de cooperación transfronteiriza

Ao abeiro do proceso do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2018, incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, celebrouse este mércores 13 na Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira un obradoiro no que se analizaron as distintas experiencias de democracia participativa e cooperación transfronteiriza. Neste workshop fíxose especial fincapé no OPT, do que diferentes membros da iniciativa fixeron balance da súa primeira edición cando está a piques de arrancar as votacións para a vindeira.