A Comisión das Festas do Alivio suspende os festexos da festividade por mor do Covid-19 Se as circunstancias o permiten, celebrarase só a tradicional misa e procesión do domingo 13 de setembro

A Comisión de Festas da Nosa Señora do Alivio fixo público un comunicado de prensa no que anuncia que esta comisión “tomou a dolorosa decisión de suspender os festexos do mes de setembro de 2020, por mor da dramática situación provocada pola pandemia do Coronavirus.

A directiva tomou a decisión tras varias conversacións para valorar a situación e as posibles consecuencias de celebrar a festa, recoñecendo a imposibilidade de evitar posibles contaxios e facer cumprir todas as medidas de seguridade nunha celebración pola que soen pasar máis de 3.000 persoas.

Asemade, se as circunstancias o permiten, celebrarase a tradicional procesión e misa, o día grande dos festexos, domingo 13 de setembro.

A directiva decidiu así mesmo, que tal e como se presenta a situación económica ocasionada pola crise sanitaria, non sería razoable pedir este ano apoio económico á veciñanza.

Por último, o presidente da comisión de festas, Manuel Álvarez, agradece a todas as casas comerciais, empresas e moi especialmente ao Concello de Tomiño, pola súa colaboración durante todo o ano”.