A compañía teatral “Chévere” trae a Tomiño una obra contra a violencia obstétrica A función será o sábado 2 de novembro ás 22.00 horas no Auditorio Municipal de Goián

Unha muller, que leva no seu corpo a marca da violencia obstétrica sufrida durante o embarazo e o parto, narra a súa historia dunha forma directa, aberta e autocrítica. Un relato construído mentres a ferida continúa aberta, porque as secuelas aínda non foron  reparadas  e o seu testemuño terá a visceralidade dun caso aberto.

A compañía Chévere lánzase ao teatro autobiográfico con “Anatomía dunha serea”, o terceiro proxecto que nace do seu “Berberecheira”, laboratorio de creación escénica impulsado para apoiar proxectos innovadores que exceden ao núcleo estable da compañía. Nesta obra, que poderá verse no auditorio de Goián (Tomiño) o sábado 2 de novembro, a actriz Iria Pinheiro conta unha historia inspirada nunha experiencia traumática que ela mesma viviu durante o nacemento do seu fillo, hai agora tres anos.

“Anatomía dunha serea” fala da violencia obstétrica, sobre as condicións que rodean á sala de partos dun hospital, «dá falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade», comenta dende a produtora. Iria Pinheiro é a primeira  actriz galega en realizar unha denuncia por acoso sexual no traballo e tamén a primeira en levar o tema da violencia obstétrica a un escenario.

A función, para público adulto, será este sábado, 2 de novembro, ás 22.00 horas, no Auditorio de Goián. As entradas, ao prezo de 3 euros, poderán comprarse dende unha hora antes en taquilla.

Aquí pódese ver un resumo da obra, para ir facendo sabor de bouca.

Anatomía dunha serea en Vigo

Esta fin de semana, Anatomía dunha serea vaise a Vigo. Venres, sábado e domingo na Ártika SALA Teatro

Posted by Grupo Chévere on Thursday, 26 September 2019