A Confederación Hidrográfica Miño-Sil comprométese a colaborar na construción da Senda do río Pego As obras, que permitirían conectar o casco urbano co río Miño, darían á veciñanza a posibilidade de acceder á zona de ribeira a través dun sendeiro de gran valor natural e paisaxístico e cun reducido impacto ambiental

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil comprometeuse á redacción dun proxecto para a construción dunha senda fluvial no río Pego de Tomiño e á renovación do colector; obras que significarían un investimento de 1,5 millóns de euros, aproximadamente.

Así o indicou o presidente da confederación, José Antonio Quiroga, quen recibiu esta semana á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e ao concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.

O compromiso adquirido por ambos organismos, traduciríase na sinatura dun convenio, polo que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil achegaría o 80% do coste total da obra, e o Concello de Tomiño o 20% restante.

Esta importante obra permitiría á xente de Tomiño chegar ata a Senda do Miño, que transcorre paralela ao río, a través dun paseo peonil ou en bicicleta, por un entorno natural, incentivando unha mobilidade máis sustentable.

A nova senda transcorrería paralela ao río ao longo duns 3 Km. dende a parroquia de Tomiño ata a desembocadura do Pego no Miño. Con este novo trazado conseguiríase dar continuidade á rede de sendas executadas nos últimos anos, e ao mesmo tempo, melloraríase a rede de saneamento da zona que conta con infiltracións procedentes de augas pluviais, dificultando os procesos de depuración na Estación Depuradora de Augas Residuais do Concello de Tomiño.

A alcaldesa sinalou que a partir de agora os técnicos do Concello traballarán cos da confederación para atopar as mellores alternativas na construción da senda do Pego. “Agardamos comezar a  traballar cos técnicos da confederación antes de fin de ano”, adiantou a rexedora local tras a reunión. Asemade, convidou ao presidente da confederación hidrográfica a visitar Tomiño para coñecer in situ a zona pola que transcorrería o sendeiro; visita que terá lugar, probablemente, cando se asine o futuro convenio.

Trátase dunha ruta cun alto valor paisaxístico, histórico e turístico da comarca que recupera un antigo sendeiro, e que contribuirá tamén a difundir o patrimonio natural do concello, permitindo á xente a percorrer un espazo idóneo para a práctica deportiva.

“O obxectivo é dar á nosa veciñanza acceso directo ao Miño poñendo a disposición unha senda co mínimo impacto ambiental, con sinalización e que informe sobre a flora e a fauna da zona”, informou González.