A conselleira de Medio Rural visita varios proxectos subvencionados con axudas do Leader no Baixo Miño A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañouna na súa visita a La Torta, Vivaz Plant e ao centro da Asociación Vontade

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo o pasado venres unha visita por varios proxectos beneficiarios das axudas do Leader, achegas xestionadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Baixo Miño.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañou á conselleira da Xunta no seu percorrido por tres iniciativas da comarca nas que coñeceron de primeira man a ampliación e expansión da empresa alimentaria La Torta, de O Porriño; a mellora da eficiencia enerxética e híbrida mediante rego por goteo en explotación de maceiras e aguacates de Vivaz Plant, no Rosal; e a adquisición de vehículos adaptados para discapacitados vencellados ao centro de día da Asociación Vontade, en Tomiño.

A conselleira destacou que todos estes proxectos contribúen a facer un rural vivo e dinámico e valorou o labor dos GDR, que xestionan os fondos Leader cun enfoque de abaixo cara arriba, integrando aos poderes públicos e á sociedade civil no deseño e aplicación das políticas de desenvolvemento do agro.

O grupo de desenvolvemento rural Baixo Miño aglutina 13 concellos, cun total de 766 quilómetros cadrados de superficie e unha poboación de 142.832 habitantes. No período 2017-2018 xestionou preto de 700.000 euros para un total de 11 proxectos, entre eles os que hoxe visitou a conselleira.

No conxunto de Pontevedra, os cinco GDR do territorio provincial apoiaron 68 iniciativas na mesma anualidade, cun importe das axudas que superou lixeiramente os catro millóns de euros. Estes grupos son Condado-Paradanta, Pontevedra-Morrazo, Pontevedra Norte e Salnés-Ulla-Umia, ademais do xa referido de Baixo Miño.

Vázquez aproveitou a visita para anunciar tamén que antes de que remate este mes de decembro publicarase no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria das axudas da medida Leader para dinamizar o agro galego. A titular de Medio Rural explicou que o seu departamento destinará algo máis de 17,5 millóns de euros no bienio 2018-2019 a financiar estas axudas. Os fondos distribuiranse entre os 24 grupos de desenvolvemento rural repartidos polo territorio da Comunidade, que son os encargados de aprobar e apoiar os proxectos tanto de carácter produtivo como non produtivo.