A delegación da AECT Río Miño solicita en Bruxelas máis axudas para manter a poboación xuvenil na raia O deputado Uxío Benítez presenta a estratexia "Río Miño 2030" e reclama que o investimento de fondos europeos na fronteira sexa real

Tras dúas xornadas de traballo, a visita institucional da AECT Río Miño a Bruxelas rematou hoxe cunha serie de reunións co Comité das Rexións e na sede da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG Regio) nas que, segundo informou o director da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, déronse a coñecer os proxectos que a agrupación está desenvolver neste momento, así como os seus plans de futuro, recibindo unha acollida moi positiva por parte dos diferentes estamentos europeos.

Durante os encontros, un dos principais temas tratados foi a necesidade de garantir que “os fondos europeos destinados ao desenvolvemento de territorios transfronteirizos se invistan realmente sobre estas áreas xeográficas, e non a centos de quilómetros delas “, segundo explicou Benítez. A este respecto a agrupación tamén se interesou pola tramitación dos regulamentos que rexerán os fondos do vindeiro marco financeiro 2021 – 2027,  reclamando que “estas normativas contemplen a focalización do financiamento en proxectos que se desenvolvan especificamente en zonas comúns transfronteirizas”.

Outra cuestión destacada nas reunións foi a presentación da estratexia “Río Miño 2030”, un estudo profundo do territorio transfronteirizo do río Miño que se vén realizando durante os últimos meses baixo a coordinación da AECT. Uxío Benítez apuntou que tras a elaboración deste documento, que inclúe un paquete de accións a desenvolver no territorio, é necesario “contar cunha ferramenta que permita xestionar do xeito máis eficiente os fondos europeos que recibimos” polo que reclamou a formulación dunha “Inversión Territorial Integrada” (ITI) para o río Miño.

Pacto europeo polo clima e a enerxía

Tras reunirse con representantes do movemento polo Pacto dos Alcaldes para o clima e a enerxía, a AECT Río Miño anunciou hoxe que promoverá a adhesión dos concellos do territorio transfronteirizo este movemento europeo.

“O combate contra o cambio climático e a busca da eficiencia enerxética serán un dos proxectos clave da estratexia do Río Miño 2030, que se presentará a finais deste mes no II Fórum do Río Miño Transfronteirizo”, adiantou Benítez. “O val do Miño será un territorio eficiente enerxeticamente, comezando por fixar os obxectivos locais de redución de CO2”.

A propia agrupación adherirase ao pacto e promoverá plans de acción de eficiencia enerxética e de redución dos niveis de CO2 en todos os concellos da rexión ao mesmo tempo que prestará apoio técnico na elaboración dos obxectivos, e da creación e monitorización dos indicadores dos citados plans de acción.

A través do Pacto dos Alcaldes, máis dun millar de autoridades locais e rexionais europeas asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética e utilizar fontes de enerxía renovable nos seus territorios, propóndose superar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 20% as emisións de CO2 antes do 2020.



X