A delegada territorial da Xunta en Pontevedra visita Tomiño para supervisar as obras da PO-552 A alcaldesa aproveitou a visita da delegada para trasladarlle a prioridade que para o Concello representa a construción da biblioteca e o estado do centro de saúde

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou unha visita institucional hoxe a Tomiño para supervisar o proxecto de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica PO-552, entre Tomiño e Tui, onde tamén estivo presente o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez. A actuación atópase xa nun estado avanzado e espérase que estea finalizada nas próximas semanas.

Na súa visita a delegada mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, que aproveitou para transladarlle os investimentos que o Concello considera prioritarios. Entre estas prioridades atópanse a da creación da biblioteca municipal, onde o Concello solicita á Xunta que colabore coa financiación do proxecto.

Por outra parte a alcaldesa aproveitou para transmitir o alarmante estado no que se atopa o Centro de Saúde do Concello, onde prestan atención na actualidade tan só 6 médicos dos 10 que corresponderían ao municipio, así como tan só un dos dous pediatras necesarios. Do mesmo xeito, tamén se lle trasladou a necesidade de reabrir o consultorio de Goián, que permanece pechado desde fai meses. Tamén se incidiu na necesidade de acometer reformas integrais en centros educativos coma o Pedro Caselles ou a axilización do proxecto de ampliación do IES Alonso Ríos.

Outra das cuestións que se trataron foi a necesidade de mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar, unha financiación que o Concello considera insuficiente e onde cada vez a administración local ten que asumir un sobrecuste maior. O Concello de Tomiño dedicou a este apartado 91.000 euros no ano 2018, 106.000 no 2019 e 126.000 euros no que vai de 2020, cun total de 44 traballadoras auxiliares que prestan atención a 120 usuarios.