A DEPUTACIÓN ABORDA A MELLORA DA MOBILIDADE PEONIL NO CAMIÑO ESCOLAR DA EP-3102 AO CEP PEDRO CASELLES NO CONCELLO DE TOMIÑO A Xunta de Goberno aproba o proxecto, presupostado en preto de 300.000 euros, que incluirá a construción dunha senda e a incorporación de elementos redutores de velocidade

O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para abordar a mellora da mobilidade peonil no Camiño Escolar na EP-3102 ao CEP Pedro Caselles, no concello de Tomiño, que ten un orzamento de 286.235€ e que vai permitir o acondicionamento deste treito para garantir a súa funcionalidade e a súa seguridade, especialmente para o tránsito peonil, no marco do modelo de mobilidade sostible da institución provincial.

O proxecto levarase a cabo nun tramo de 400 metros da E.P.-3102 comprendido entre o Colexio de Primaria Pedro Caselles e a intersección coa nova Avenida Baixo Miño. Trátase dun treito que dá acceso a varios equipamentos de Tomiño, como é o citado centro escolar, así como a igrexa e o cemiterio, polo que é moi concorrida por peóns e peoas, e coa obra preténdese adaptar este viario ao modelo de mobilidade segura da Deputación, baixo as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade. Do citado orzamento, a Deputación asumirá o 70% (200.364€) e o Concello de Tomiño o 30% (85.870€) a través dun convenio.

O proxecto contempla a creación dunha senda peonil na marxe dereita de 3,78 metros de ancho, a incorporación de elementos redutores de velocidade e amais a renovación da iluminación viaria (que incluirá novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede) e do drenaxe de pluviais. A maiores contémplase unha mellora para os peóns/as e ciclistas ao engadir máis vexetación á contorna cun novo arborado. Soterraranse os servizos de alumeado, rede eléctrica e de telecomunicacións, e reinstalarase tamén a sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito.

A sección da calzada, na que se reforzará o firme e se reporá a capa de rodadura, estará constituída por dous carrís, un en cada sentido, cun ancho de 3,20m, e beiravías a ambos lados. Na marxe esquerda da vía manterase a beirarrúa existente

Na zona próxima á nova rotonda executada na EP-3102, reordenarase o espazo actuando en toda a sección viaria, continuando coa senda de 4,65 metros de ancho na marxe dereita, dividindo a calzada en dous carrís de 3,10m e unha banda de aparcamento en liña de 2,6m de ancho, mantendo o trazado da beirarrúa da marxe esquerda.