A Deputación pon en marcha a segunda edición da Facultade Ágora, un “laboratorio de I+D+I do espazo público” con actividades prácticas e descentralizadas pola provincia Haberá ‘Obradoiros Ágora’ en A Estrada, Tomiño, Vilagarcía e Ponteareas

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade e Espazo Público, vai poñer en marcha a segunda edición da Facultade Ágora para formar ás persoas políticas e técnicas dos concellos da provincia sobre como recuperar o espazo público con calidade. Logo do éxito do anterior curso esta nova cita ten dúas novidades principais: as actividades serán moito máis prácticas e estarán espalladas por diferentes concellos da provincia.

Todos os cambios foron explicados hoxe nunha presentación na que estivo a presidenta Carmela Silva, o deputado de Moblidade e Espazo Público Uxío Benítez, a coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan Ana Montalbán, e o coordinador de contidos da Facultade Fernando Nebot. Asistiron ao evento representantes dos colexios oficiais de Arquitectos, de Arquitectos Técnicos, e do colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia, ademais do director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra Daniel Macenlle.

O deputado Uxío Benítez explicou que a intención da Deputación é que a Facultade Ágora sexa “un laboratorio de I+D+i do espazo público” no que de maneira “humilde pero innovadora” se acheguen diferentes visión de como se deben deseñar vilas e cidades para mellorar a calidade de vida da cidadanía. “A Facultade é unha iniciativa moi necesaria e queremos dar un salto, un novo impulso cara a algo diferente, un espazo de formación con tres premisas: máis presencialidade, máis práctica e máis descentralización”, subliñou.

A primeira das actividades que se porá en marcha, apuntou Benítez, será o curso básico para obter o título de ‘Persoal técnico Ágora’, destinado a persoas –principalmente dos concellos Ágora- que non puideron matricularse e examinarse na primeira convocatoria. Será exclusivamente en liña e a inscrición comezará este mércores e pechará a finais de xuño en redeagora.gal.

A segunda iniciativa e principal novidade deste ano serán os ‘Obradoiros Ágora’, eventos dun día de traballo con visitas guiadas, nos que as persoas matriculadas deberán aplicar os conceptos teóricos adquiridos na primeira edición en localidades concretas nas que se teñen executado obras de recuperación do espazo público. Estes obradoiros contarán ademais coa figura dun ‘observador Ágora’, persoal docente da primeira edición que se achegará á localidade para escoitar e formular propostas ademais de facer un informe externo sobre o tratado na xornada. O obxectivo é analizar e debater de xeito participativo.

Os obradoiros serán o 16 de xuño en A Estrada, con Marius Navazo; o 30 de xuño en Tomiño, con Marius Porto; o 8 de setembro en Vilagarcía con Rocío Plasencia; e o 29 de setembro en Ponteareas con Paula Teles. A inscrición tamén se abrirá pasado mañá mércores e permanecerá aberta ata unha semana antes da celebración de cada evento. Haberá 50 prazas dispoñibles e a Deputación facilitará o transporte dende Pontevedra a cada localidade.

Por outra parte, terán lugar despois do verán as ‘Conversas Ágora’, foros de diálogo sobre o espazo público que contará con persoeiros de referencia e alto nivel internacional (entre elas a socióloga Saskia Sassen, por exemplo). Como punto de inicio as conversas arrancarán co diálogo entre o urbanista José Fariña e a socióloga María Ángeles Durán, nun acto que servirá tamén para a presentación do libro sobre a primeira edición da Facultade Ágora, con resumos e artigos de todo o persoal docente.

Por último, dentro da Facultade Ágora 2022 haberá tamén iniciativas para público específico, como ‘Poli Ágora’ (20 de outubro), que pretende ser unha actividade formativa destinada a axentes de policía local que estará coordinada por Daniel Macenlle e impartida por persoal de corpos locais. O obxectivo é concienciar e aprender conceptos de maneira interactiva sobre como a Policía Local debe ser o primeiro axente á hora de defender o espazo público recuperado, xa ben en relación a temáticas como a prevención de accidentes, a redución da velocidade ou o uso do espazo público por parte dos vehículos a motor de maneira “espúrea”.

Fonte: Deputación de Pontevedra