A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitaron en compañía da alcaldesa as traídas veciñais e anunciaron melloras O percorrido foi guiado polo presidente da Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra (Coxapo), Juan Joaquín Posa

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciaron esta mañá estas novas contribucións do Goberno galego para a modernización das traídas veciñais deste municipio nunha visita realizada ás melloras financiadas, ao abeiro das convocatorias do pasado ano, nas comunidades de Sobrada, Tomiño, Goián e Estás.

Durante o percorrido estiveron acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o presidente da Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra (Coxapo), Juan Joaquín Posa, e representantes municipais e das comunidades beneficiarias.

Ao abeiro da orde de axudas veciñais correspondente a 2021, a Xunta de vai destinar 94.000 euros a comunidades de usuarios de Tomiño coa seguinte distribución: Forcadela (15.988), Pinzás (17.000), Goián (11.905), Vilachán (13.421), Amorín (12.000), Vilameán (12.000) e Carballal-Fixos (12.000). Ademais, anunciaron que a contía podería incrementarse nas vindeiras semanas coa liña de axudas, coas mesmas características, promovida por Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Cómpre sinalar que, só o pasado ano, o Goberno galego concedeu unha vintena de achegas para a modernización das infraestruturas de augas no municipio de Tomiño por importe de 228.000 euros. As mesmas beneficiaron ás comunidades de Norte Salgosa, Estás, Mosteiro, Cimadevila, Goián, Sobrada, Carballal e Figueiro, no caso da orde da Vicepresidencia primeira, e Pazo-Barrantes, Carballal-Fixos, Luneda Sardiñeda, Fonteliña, Solvado, Forcadela, O Barro-Regidouro-Lameira, Samuelle, Pinzás, Estás, Bouzón-Piñeiro e Vilameán, no caso das achegas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A estas axudas hai que sumar as que o goberno local vén realizando cada ano co fin de ir modernizando as infraestruturas das traídas veciñais por consideralas un ben comunal e comunitario a conservar.