A educación con emoción, crítica e igualitaria, eixos da VI Semana da Educación de Tomiño As xa tradicionais xornadas retransmitiranse por streaming entre os días 8 e 11 de febreiro, e serán de balde para todos os asistentes

Tomiño vén de presentar a xa tradicional Semana da Educación, un evento que celebra xa a súa sexta edición. O evento vai dirixido tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que procuren formarse en diferentes aspectos relacionados co mundo da educación, onde cada ano imparten conferencias distintas personalidades de relevancia en distintos ámbitos. “Educar con emoción, aprender con paixón” é o título desta edición, que se celebrará entre os días 8 e 11 de febreiro.

Para inaugurar as xornadas Tomiño, o luns 8 contará coa presenza de Octavio Salazar, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Córdoba, investigador e activista, amplamente recoñecido polos seus traballos sobre igualdade de xénero e novas masculinidades, polos que recibiu varios premios. Tamén é autor de varias obras literarias e colabora habitualmente con medios escritos como eldiario.es, The Huffington Post ou Público, entre outros. Na súa conferencia Salazar falará da importancia dunha educación paritaria, que incorpore a perspectiva feminista, e da necesidade de desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. 

A xornada do martes estará protagonizada pola educación musical e os beneficios de transmitila a través da emoción. Será impartida por Almudena González, Profesora Superior de Violonchelo e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Tenerife. É doutora e Premio Extraordinario de Doutoramento 2016 pola Universidade da Lagoa. É autora de artigos de investigación en revistas internacionais con índice de impacto e participa de forma habitual en congresos nacionais e internacionais sobre música e cerebro. González explorará a importancia das emocións musicais no ámbito educativo e a súa relación coa neurociencia, destacando a importancia que ten a unión destes dous campos de coñecemento para proxectar novos camiños posibles tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

O relatorio do mércores será impartido por Marta Peirano, destacada xornalista e investigadora especializada no mundo da cultura e a tecnoloxía. É fundadora do xornal ADN e foi xefa da sección de Cultura e Tecnoloxía en eldiario.es sendo nos dous últimos anos adxunta á dirección. En 2019 publicou “El enemigo conoce el sistema”, un ensaio sobre o capitalismo de vixilancia onde conecta a nosa adición ao móbil coa industria de extracción de datos e o seu papel como ferramenta de control e manipulación de masas, que vai xa pola súa novena edición. Na súa conferencia, Peirano falará da importancia de combater a desinformación nas redes sociais, un problema crecente nos últimos anos, analizando as ferramentas que temos para combatela.

O xoves fechará as xornadas Alberto Soler, licenciado en psicoloxía e especialista europeo en Psicoterapia (EuroPsy). É a cara visible do videoblogue de divulgación Píldoras de Psicología, que conta con máis de 240.000 persoas seguidoras e miles de reproducións diarias tan só en YouTube. É colaborador do programa Ser Saludable na Cadea Ser, do proxecto Xestionando Fillos, e profesor na Escola Bitácoras. A súa conferencia levará o título Normas, límites, premios e castigos, e nela falará sobre a importancia destes conceptos e que peso darlles para educar aos nosos fillos con grandes doses de amor, agarimo e respecto.

Este ano, debido á pandemia do Covid-19, o evento será retransmitido por streaming a través de Zoom e calquera persoa poderá acceder á videoconferencia de balde. Non será preciso inscribirse, só o terán que facer aquelas persoas que queiran un certificado de asistencia, e poderán facelo a través dun formulario na web municipal. Cómpre destacar tamén que as xornadas contarán con interpretación simultánea en lingua de signos para garantir tamén a inclusión das persoas xordas. Todas as conferencias serán retransmitidas á mesma hora nos seus respectivos días, ás 19:00. Para máis información, os interesados poden enviar un correo a omix@tomino.gal, cultura@tomino.gal ou visitar o apartado “Semana da Educación” na web municipal.

Desde a Concellería de Educación convidan a todas as familias a participar destas xornadas, un evento tradicional xa na programación municipal que procura servir de apoio para a educación dos fillos e fillas, contando coa visión de importantes expertos e figuras de relevancia en distintos sectores profesionais.

LIGAZÓNS PARA AS VIDEOCONFERENCIAS

Octavio Salazar: https://us02web.zoom.us/j/89186441458

Almudena González: https://us02web.zoom.us/j/86473056498

Marta Peirano: https://us02web.zoom.us/j/84866860645

Alberto Soler: https://us02web.zoom.us/j/86747379119