A educación rural de Tomiño gaña alumnado O CRA (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés, ten neste curso 140 alumnos e alumnas, un 10 % máis que no pasado

O rural gaña alumnos e alumnas en Tomiño, unha situación que choca contra a realidade galega, e que reafirma o bo facer do sistema educativo de proximidade no concello. O Colexio Rural Agrupado (CRA) Mestre Manuel Garcés de Tomiño conta este curso con 140 nenos e nenas, repartidos nas 13 aulas espalladas polo municipio, un 10 % máis que o ano pasado. 

A concelleira de Educación, Cristina Martínez, alédase do maior interese da veciñanza na educación rural e lembra que “é froito do bo facer do persoal do centro e tamén do apoio constante que lle concede o Concello ao CRA”, recentemente o goberno municipal investiu máis de 30.000 euros para dotar a escola dunha biblioteca principal actualizada e eficiente, ademais de realizar obras de mantemento en todos os períodos vacacionais para que os nenos e nenas poidan desfrutar das instalacións no seu mellor estado.  

O Mestre Manuel Garcés conta con dezaseis mestres de educación infantil, profesorado especialista de psicomotricidade, música, inglés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Dispón ademais dun departamento de orientación propio e con persoal coidador para atender aos nenos con necesidades especiais. Un persoal “imprescindíbel” para poder ofrecer “un servizo de calidade, de proximidade e de valores ás familias”, que fai do centro unha alternativa que vertebra “a educación nas parroquias máis rurais do noso concello”, conclúe a concelleira. 

As cifras do CRA son un exemplo máis de que a demografía en Tomiño non responde como na maioría do rural galego. O número de persoas matriculadas nos distintos centros educativos do municipio creceu durante os últimos anos, e suma agora 1.396 alumnos e alumnas, cabe destacar tamén o incremento do alumnado no instituto Antón Alonso Ríos, pasou de 551 a 568 no curso actual.