A Escola Infantil do Seixo contará con paneis solares para a produción de enerxía eléctrica O Concello vén de conseguir unha nova axuda do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica en edificios públicos

O Concello de Tomiño vén de conseguir do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) unha nova liña de axudas para a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica nos edificios públicos. Recentemente viñeron de ser concedidas dúas subvencións para a realización de proxectos deste tipo na Casa do Concello e no Auditorio de Goián, ás cales se suma agora unha nova partida conseguida para a Escola Infantil da Galiña Azul do núcleo do Seixo.

O campo fotovoltaico colocado no edificio estará composto por 18 paneis solares de silicio configurados nun sistema de compensación de excedentes, é dicir, instalarase ademais un controlador que regule o consumo, dando preferencia á enerxía solar autoxerada e consumindo a enerxía da rede só cando a fotovoltaica non sexa suficiente. No caso de que se xerase máis enerxía da demandada, esta será vertida á rede e compensarase no recibo mensual o prezo que marque o regulador do mercado eléctrico.

Deste xeito, ademais dos beneficios que isto ten para o medio ambiente, o aforro enerxético será tamén un dos beneficios destacables, unha cuestión importante tendo en conta que se trata dunhas instalacións cun consumo constante durante todo a xornada debido á presenza continuada de nenos e nenas desde a primeira hora da mañá ata o final do día. Ademais, o edificio conta cunha cuberta sen sombras e con boa orientación, optimizando a capacidade de xeración de enerxía por parte dos paneis.

O proxecto terá un custe total de 8.049,89 euros, dos cales un 80% (6.439,91 euros) serán cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten como obxectivo favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores aumentando a proporción no consumo final de enerxía procedente de fontes renovables.