A Escola Municipal de Teatro de Tomiño consolídase coma un referente cultural na comarca Todas as clases comezan en novembro, Os martes pola tarde, no auditorio de Goián, para os grupos infantil e xuvenil, e na Casa da Cultura, para o de persoas adultas

O vindeiro mes de novembro (concretamente o día 6) a Escola Municipal de Teatro de Tomiño inicia un novo curso con grupos de infantil, mocidade e persoas adultas. Logo de varios anos de funcionamento, a entidade está xa consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño.

As profesoras encargadas son Tamara e Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro, que explican o obxectivo da actividade, cada vez máis consolidada entre a poboación. “Trátase de introducir ás persoas no mundo teatral, ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos expresivos e comunicativos”. Expresión dramática, creación, ensaio e posta en escena dan coma resultado varias pezas teatrais que se presentan a final de curso.

Todas as clases serán impartidas os días martes polas tardes. De 16.00 a 17.30 grupo de 9 a 12 anos; de 17.30 a 19.00, de 4 a 8 anos; de 19.00 a 20.30 de 13 a 17 anos. Todos estes grupos terán clase no auditorio de Goián, mentres que a Casa da Cultura acollerá o grupo de adultos (a partir de 18 anos), tamén os martes, de 20.30 a 22 horas. A cota que teñen que abonar os alumnos é de 15 euros ao mes.

As clases de teatro para nenos e nenas e mocidade levan impartíndose varios anos, estando totalmente consolidadas, con máis de 50 participantes, mentres que as de adultos, comezaron a funcionar o pasado curso. Este grupo está composto na actualidade por 10 persoas, homes e mulleres, de entre 20 e 80 anos. “Despois do éxito alcanzado o ano pasado, este ano nos gustaría encher as 18 prazas dispoñibles”, salienta Beatriz Campos.

As aulas son eminentemente prácticas e nelas trabállanse os aspectos básicos da creación escénica. Improvisacións, xogos dramático, expresión oral, movemento expresivo, ritmo, creación de personaxe son algúns dos contidos que se abordan o longo do curso.

O ano pasado para finalizar o curso os propios alumnos crearon e levaron a escena distintas pezas teatrais (no caso dos adultos, a obra “A lenda da cabaleira negra”), que conseguiron encher de risas e aplausos o auditorio de Goián.