A Escola Municipal de Teatro de Tomiño retoma a actividade adaptándose á nova normalidade As inscricións non se abrirán debido á limitación das prazas

Un ano máis a Escola Municipal de Teatro de Tomiño inicia as súas actividades. Nesta ocasión, debido á situación pandémica, foi preciso tomar unha serie de decisións co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado.

Non se abrirán inscricións debido á necesidade de limitar as prazas para cumprir coa normativa de seguridade. Os criterios seguidos por Tamara, a mestra encargada, foron a antigüidade dos alumnos na Escola de Teatro e a convivencia estre os mesmos, establecendo grupos reducidos que estarán limitados a 9 ou 10 participantes. Co fin de cumprir estes criterios, aumentaranse os grupos e días de clase, formando un total de 6, que estarán repartidos entre o luns e o martes.

A duración das clases será de unha hora e quince minutos a fin de que se poidan realizar tarefas de desinfección e ventilación entre cada unha das mesmas.

Malia a non apertura das inscricións, quedan aínda algunhas prazas baleiras, polo que as persoas interesadas poderán obter máis información a través do teléfono 986622001 ou do correo electrónico cultura@tomino.gal

As prazas vacantes son as seguintes:

– Grupo 1 (6/7anos) luns de 16:00 a 17:15 – 2 prazas

– Grupo 2 (8/9 anos) luns 17:30 a 18:45 – 4 prazas

– Grupo 3 (9/10 anos) luns 19:00 a 20:15 – 2 prazas

– Grupo 4 (11/12anos) martes 16:00 a 17:15 – 1 praza

– Grupo 5 (13/16 anos) martes 17:30 a 18:45 – 1 praza