Actividades artística en Gallaecia ao abeiro do OPT 2018

A Eurocidade achega o mundo da arte a máis de 400 estudantes de Tomiño e Cerveira Exploran técnicas artísticas como a creación de collages, a construción de maquetas en 3D ou o deseño de ilustracións con varias escalas de cinza

Diversión, convivencia e achegamento ao mundo da arte. Eses son os piares das cinco sesións de actividades artísticas organizadas pola Escola Superior Gallaecia de Cerveira en colaboración coa Mesa de ANPAs de Goián e a ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos ao abeiro dun dos proxectos gañadores na votación do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2018. Máis de 400 estudantes de 6º de Primaria e de 3º da ESO de Tomiño e de 6º e 9º ano en Cerveira participan nestas actividades que arrancaron en outubro e que rematarán o vindeiro mes de maio cunha última xuntanza nas instalacións da escola artística Gallaecia á que asistirá alumnado do CEIP de Sobrada e do CEIP Plurilingüe de Tebra, ademáis de estudantes de diversos centros cerveirenses.

O proxecto ten como obxectivo principal achegar á poboación infantil e xuvenil de Primaria e Secundaria ao mundo da arte, facilitando que dean os primeiros pasos na súa formación artística ofrecéndolles espazos para a experimentación e a creación, así como novos coñecementos das artes plásticas e da arquitectura. Ademais, búscase promover as interaccións e experiencias interculturais entre a mocidade de Cerveira e Tomiño e fomentar a convivencia creando grupos de traballo con alumnado galego e portugués.

Tres actividades claves

Baixo a supervisión de profesorado especializado, os e as estudantes exploran diversas técnicas artísticas que lles axudan a experimentar coa súa creatividade e a entender os diferentes usos e concepcións do espazo. Por un lado, o alumnado traballa co modelado e a simulación en 3D, aprendendo conceptos relacionados coa arquitectura e o espazo tridimensional para poder despois crear unha maqueta de edificios, obxectos e elementos de recheo.

Por outro, os rapaces e rapazas exploran o debuxo de ilustracións a partir do deseño de sólidos e outras formas gráficas, creando formas e contrastes a través de puntos de luz, variación de tonalidades e gradación de sombras.

Estas dúas actividades compleméntase cun obradoiro dedicado á técnica do collage, na que o estudantado pode desfrutar dunha exposición de traballos realizados con collage de recoñecidos artistas como Miró, Braque ou Dalí, entre outros. Despois deste primeiro achegamento a esta técnicas, os rapaces e rapazas crean as súas propias composicións e narrativas con diversos elementos, conformando a súa propia historia feita con esta técnica.

Orzamento Participativo

Estas actividades enmárcanse no Orzamento Participativo Transfronteirizo 2018, unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea.



X