A Eurocidade Cerveira-Tomiño amplía e mellora a xestión compartida de servizos en 2019 Os dous concellos veciños pretenden lanzar a Tarxeta Eurocidade, e organizan as Xornadas de Turismo Cerveira-Tomiño, o próximo día 31

Dinámico e ambicioso, así se presenta o Plan de Actividades da Eurocidade Cerveira-Tomiño para 2019, aprobado nestes días polo Comité de Xestión Estratéxica. Alén de dar continuidade a algunhas accións-chave e consolidar eventos, os dous concellos veciños pretenden lanzar a Tarxeta Eurocidade, así como aplicar unha plataforma tecnolóxica para xestión de servizos públicos partillados. O obxectivo é axilizar rutinas diarias comúns ás dúas poboacións.

O conxunto ampliado de actividades propostas para execución no corrente ano no territorio común de Cerveira-Tomiño, encóntrase distribuído en dous grupos: un referente ao proxecto Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza, financiado polo Interreg V-A, e un segundo relacionado con iniciativas promovidas polos dous gobernos locais.

En ambos os casos, a liña de actuación incidirá no reforzo da participación pública e da xestión compartida de servizos públicos. Neste ámbito, hai dous mecanismos novos e interactivos para aplicación en 2019. Trátase do lanzamento da devandita Tarxeta da Eurocidade Cerveira-Tomiño, que permitirá a identificación dos cidadáns nos diversos servizos municipais, con posíbeis vantaxes; e a implementación dunha plataforma tecnolóxica para a xestión de servizos públicos coma a Piscina Municipal de Vila Nova.

No ámbito da economía, foron identificados dous sectores-chave, Turismo e Plantas Ornamentais, para os cales xa foron dinamizados grupos de traballo de forma a afondar o coñecemento e definir unha promoción conxunta. Unha das accións xa delineadas é a organización das Xornadas de Turismo Cerveira-Tomiño, o próximo día 31 de xaneiro.

Asemade continuarán prestándose, durante o ano de 2019 servizos coma os que prestan as provedoras/valedoras da cidadanía; a 3ª edición do programa “Deporte para Todos” con actividades gratuítas para nenos, usuarios dos IPSS e maiores de 55 anos de idade; e o proceso de Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), nomeadamente a realización dos dous proxectos electos na 3ª edición do OPT para realización de actividades para ocupación dos tempos libres para nenos e mozos, e o lanzamento da 4ª edición en setembro.

Alén destas accións integradas no proxecto da Axenda Estratéxica Transfronteiriza Cerveira-Tomiño -con prazo de conclusión en decembro de 2019 e unha participación, até ao momento de máis de 7000 persoas-, Cerveira e Tomiño tamén promoven eventos culturais, con organización e financiamento conxunto. Está prevista unha edición máis de “EDUCARTE” Mostra de Arte Infantil e Xuvenil que presenta, en maio, decenas de traballos artísticos elaborados polos alumnos das varias escolas de Cerveira e Tomiño; o Eurocidade Cerveira-Tomiño Kids Festival, dirixido á poboación moza dos dous concellos; e a promoción dun premio de pintura integrado no certame “Pintor António Fernandez”.

Tras a sinatura da Carta da Amizade Cerveira-Tomiño (11 de xuño de 2014), a cooperación entre os municipios foi consolidada con accións que reforzaron positivamente as relacións institucionais e sociais, tendo como prioridade a participación pública e activa da cidadanía. Dando máis un paso de afirmación na cooperación transfronteiriza, os dous gobernos autónomos avanzaron coa constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño (4 de outubro de 2018). O obxectivo é continuar a traballar en prol da aproximación das comunidades fronteirizas, da supresión das dificultades subxacentes ás fronteiras, e da promoción do desenvolvemento económico, social e cultural.