A Eurocidade Cerveira-Tomiño cumpre 3 anos promovendo a cooperación entre ambas beiras do Miño Despois de anos traballando en conxunto, ambos municipios asinaron o acordo de constitución o 4 de outubro de 2018 na Ponte da Amizade

A Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra este luns 4 de outubro o seu terceiro aniversario. Tras unha larga traxectoria de traballo conxunto, en 2018 ambos concellos asinaron na Ponte da Amizade o acordo de constitución da Eurocidade, coa que se pretendía “avanzar aínda máis na colaboración” coa formalización dun acordo que ampliaba os lazos xa existentes para promover conxuntamente, entre outros aspectos, “a cooperación institucional, a valorización do patrimonio natural e cultural, a xestión compartida de equipamentos e servizos públicos, ou o planeamento estratéxico do territorio”.

Tratábase dun paso máis ao dado no ano 2014, no que os municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira subscribiron a Carta da Amizade, un documento no que recoñecían que “a cooperación territorial é un dos medios máis eficaces con vista á aproximación das poboacións fronteirizas, a supresión das dificultades que implican todas as fronteiras e a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural”.

Unha morea de accións

Ao ano seguinte, en 2015 e tras anos de boa veciñanza, a aprobación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño permitiu establecer as prioridades coas que definir accións conxuntas, nas que se prima a participación pública e a cidadanía activa. Tras o desenvolvemento dun proxecto INTERREG VA POCTEP cofinanciado ao 75% polo con fondos FEDER da Unión Europea a relación de amizade deu un salto cualitativo.

Ao abeiro deste programa POCTEP desenvolvéronse diferentes accións coas que se buscaban animar as relacións entre os dous municipios, contribuíndo a un novo modelo de gobernanza transfronteiriza baseado no traballo técnico e político conxunto e nunha participación pública efectiva; o aumento da cohesión social pola xestión compartida de servizos públicos de acceso universal e común con independencia do lado da fronteira no que se atopen; unha maior aproximación entre as condicións sociais e económicas das dúas beiras, promovendo novas oportunidades de negocio e emprego en sectores clave da economía local; e a aprendizaxe de boas prácticas de gobernanza e cooperación transfronteiriza mediante o intercambio de experiencias e a participación en redes de cooperación.

Así, máis de 50 asociacións e entidades socioculturais presentaron os seus proxectos a algunha das catros edicións do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para involucrar á cidadanía dos dous municipios na formulación de solucións para necesidades comúns. En total investíronse máis de 81.500 euros e recolléronse 25 candidaturas que foron votadas por arredor de 2.200 persoas. Ao longo destes catro anos, 1.500 escolares de educación infantil, primaria e secundaria de Galicia e Portugal participaron nas actividades conxuntas escollidas pola veciñanza e financiadas polo OPT.

Por outra banda, a Eurocidade puxo tamén en marcha as Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza, unha ferramenta coa que garantir a defensa e protección dos dereitos e intereses particulares de todas as persoas residentes en Tomiño e Cerveira como cidadáns europeos transfronteirizos. O seu informe de recomendacións para a eliminación de barreiras á mobilidade transfronteiriza infanto-xuvenil foi seleccionado pola Comisión Europea e a AEBR para o programa B-Solutions e distinguida como Boa Práctica de Participación Cidadá 2019 polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa.

Ademais, ao longo destes anos puxéronse en marcha varios servizos compartidos, leváronse a cabo diferentes intercambios de experiencias e de traballo en rede, elaborouse unha guía para a promoción da economía local e do turismo transfronteirizo e, coa colaboración da Asociación de Cultivos Baixo Miño e a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais, unha guía sobre o sector agrario e a súa realidade empresarial e educativa no Alto e Baixo Miño, así como da potencialidade do agro como motor de desenvolvimento sostible.