A Eurocidade Cerveira-Tomiño, seleccionada para a campaña de comunicación #EUinmyregion Trátase dun proxecto posto en marcha pola Comisión Europea que busca dar maior visibilidade aos proxectos financiados pola UE en todo o continente

Como un dos gañadores, a Eurocidade recibirá tarxetas postais cunha imaxe do proxecto e un gif con diferentes fotografías para difundir o que se está a facer en Cerveira-Tomiño

A Eurocidade Cerveira-Tomiño é un dos proxectos gañadores do certame #EUinmyregion, unha campaña de comunicación de creación conxunta posta en marcha pola Comisión Europea que busca aumentar a visibilidade dos proxectos financiados pola Unión Europea en todo o continente. Mediante esta campaña, os 46 proxectos finalmente elixidos daranse a coñecer por toda Europa a través de distintas imaxes que recollen a esencia de todas as iniciativas.

Entre as cinco fotografías presentadas pola Eurocidade para participar no certame, a organización elixiu unha imaxe da segunda edición da Andaina entre Cerveira e Tomiño, moi representativa da unión e proximidade entre a veciñanza destes dous municipios e na que se avoga por un crecemento sostible do territorio que mellore a calidade de vida da poboación desta zona común entre Galicia e Portugal á beira do río Miño.

Coma un dos proxectos gañadores, #EUinmyregion editará e enviara á Eurocidade tarxetas postais con esta imaxe, así como un gif con diferentes fotografías para difundir o que se está a facer en Cerveira-Tomiño. Ademais, con apoio e ferramentas de comunicación, os proxectos seleccionados están invitados a amosar á cidadanía o que se ten alcanzado xunto coa UE na súa comunidade.