A exposición interactiva dos “Bolechas, Gatiños, Ghatiñas, Gatíos”, chegou a Tomiño para quedarse até o día 15 O alumnado de Infantil do CEIP de Barrantes, foi o primeiro en tomar contacto coa actividade

A inauguración estivo presidida polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal e a concelleira de Cultura de Tomiño, Cristina Martínez

 

A Praza do Seixo acolle desde hoxe e até o vindeiro día 15 de novembro, a exposición interactiva “Bolechas, GATIÑOS, GHATIÑAS, GATÍOS: xeitos de falarmos o galego”; unha mostra gratuíta e para público familiar, na que ensinarán as diferentes variedades dialectais do galego dun xeito multisensorial, pedagóxico e divertido.

O primeiro en tomar contacto cos Bolechas e a exposición, montada polo Concello e Deputación Provincial, foi o alumnado de Educación Infantil do CEIP de Barrantes que, xunto ás súas profesoras, visitaron a mostra este mediodía, participando de cada un dos xogos e actividades propostas.

Inaugurou o actividade o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, acompañado pola concelleira de Cultura do Concello de Tomiño, Cristina Martínez e a responsable de comunicación de Edicións Bolanda, Teresa Rocamonde. Coma eles explicaron, esta non é unha exposición ao uso, senón unha mostra que a través do universo Bolechas, convida, con xogos, a gozar, participar e aprender as diferentes variedades dialectais de Galiza, fomentando a participación.

Trátase dunha exposición multisensorial, pedagóxica, divertida e colaborativa, cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e sons e unha zona de audicións e karaoke, onde os pequenos e pequenas poden xogar e aprender á vez.