A exposición “Unha mirada de antaño”chega ao Mercado o día 31 de outubro A mostra reúne unha colección de fotos de Ruth Matilda Anderson en Galicia

O día 31 de outubro ás 12 horas será inaugurada no Mercado Municipal unha nova exposición fotográfica:  Unha mirada de Antaño, de Ruth Matilda Anderson, con imaxes captadas a principios do século pasado, durante unha expedición financiada pola “Hispanic Society of America”, institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico.

A mostra, que permanecerá aberta até o 24 de novembro, está organizada pola “Hispanic Society of America”, co apoio de Afundación e Concello de Tomiño, e reúne unha colección de instantáneas que buscaban documentar a vida da xente, especialmente en aqueles lugares rurais de difícil acceso. Ata entón, as actividades da poboación traballando no campo e no mar, nin a cultura de Galicia, foran obxecto de atracción para a fotografía.

A actividade está enmarcada dentro do proxecto Corrente Cultural e supón unha aposta por espallar a cultura galega e construír unha rede de coñecemento que trascenda o material.

A exposición poderá visitarse todos os días (agás os luns), no 1º andar do mercado,  de 09.00 a 22.00 horas.