A Garda Civil achégase aos pequenos para falar sobre acoso escolar e igualdade de xénero O sarxento Pablo Piñeiro conversou hoxe cos participantes do Campus de Fútbol de Tomiño

Non consentir actitudes machistas na casa ou no cole, non calarse ante un acosador e ser solidarios coas vítimas, foron algúns dos consellos do sarxento da Garda Civil de Tomiño, Pablo Piñeiro, para cos nenos e nenas que asisten estes días ao Campus de Fútbol de Verán.

A primeira das charlas programadas tivo lugar esta mañá, no pavillón deportivo de Goián. Piñeiro falou da importancia de educarse e convivir na igualdade, dentro e fora de casa; ou de avisar aos profesores cando un compañeiro maltrata a outro; “non calarse, nin rirse, nin consentir”.  Algúns dos pequenos comentaron casos, leves, que ocorreron no seu colexio ou instituto, reflexionando en conxunto sobre as consecuencias de non tentar evitar esas condutas.

O sarxento Piñeiro intercambiou información cos nenos e nenas, e deu diferentes exemplos sobre actitudes machistas que predominan na sociedade, e sobre as formas axeitadas de rexeitalas. Tamén referiuse na súa intervención aos perigos das redes sociais e aconsellou non entrar en chats nin enviar fotografías a persoas descoñecidas, dando útiles consellos para protexer a intimidade.

Mañá, venres 21 de xullo, ás 10 da mañá, terá lugar a segunda e última charla cos nenos e nenas que acoden ao campus na Carballa (Tomiño).