A infancia tomiñesa participa nun proxecto de investigación universitario O proxecto ten como obxectivo avanzar na participación e inclusión da infancia nos seus municipios como cidadanía activa

O Consello da Infancia de Tomiño, Voces Novas, súmase á participación no proxecto “Infancia e participación. Diagnose e propostas para unha cidadanía activa e inclusiva na comunidade, as institucións e a gobernanza”, desenvolvido por un grupo de investigación conformado pola Universidade de Barcelona, a Universidade da Coruña, a Universidade de Sevilla e a UNED. O proxecto ten como obxectivo avanzar no exercicio da participación da infancia na súa cidade e na súa inclusión como cidadanía activa, así como fortalecer as formas e as prácticas de participación do colectivo da infancia e a adolescencia nos municipios.

Esta semana a concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, a membro do grupo de voluntariado local, Karina Bouzada e o membro de Voces Novas, Alfredo Cendón, participaron nunha reunión online con investigadores do proxecto para a conformación dun grupo motor de traballo á nivel galego, no que participarán tamén outros concellos como A Coruña ou Moeche. Estes grupos motores estanse organizando tamén noutras comunidades autónomas, xa que se trata dun estudo a nivel estatal.

“A intención é manter unha reunión mensual con este grupo motor, analizando cales son as condicións e casuísticas para a participación infantil en cada concello, e tamén ir conformando outros grupos de traballo específico cos nenos e nenas, recollendo as súas percepcións e opinións sobre as accións promovidas para a súa participación e tomar en consideración tamén as propostas suxeridas por eles para avanzar”, comenta a concelleira. 

O obxectivo é deseñar propostas que potencien as oportunidades participativas dos nenos e as nenas na comunidade, as institucións e a gobernanza, creando rede e estendendo o proceso de mellora do exercicio da cidadanía da infancia e a adolescencia ao resto da comunidade (entidades, centros educativos, AMPAS e outros colectivos).