A loita do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández contra a violencia de xénero ten premio

A loita do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández contra a violencia de xénero ten premio Acadou o segundo premio audiovisual da súa categoría no concurso convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do 25N

O CEIP Pintor Antonio Fernández di un no rotundo á violencia de xénero e faino con premio. Sete estudantes de 6º de primaria do centro acadaron a pasada semana o segundo premio audiovisual da súa categoría no IV Concurso de carteis e vídeos contra a Violencia de Xénero, un certame convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do 25N e no que participan centros educativos de toda Galicia.

No caso do centro tomiñés, cinco grupos de 5º e 6º de primaria confeccionaron diferentes obras de arte que optaron a participar no concurso, xa que soamente se podía enviar unha por colexio. Despois dunha disputada votación, o traballo enviado finalmente polo centro foi ‘Trata como queiras que che traten’, un vídeo creado por Sara, Manu, Yannira, Noe, Roi, Tania e Paula, que o pasado 25 de novembro foron recoller o seu premio e participaron, xunto con outros centros de ensino, no minuto de silencio polas vítimas desta lacra.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo trasladar os parabéns de todo o Concello ás rapazas e rapaces gañadores e tamén ao resto de alumnado que traballou preparando diferentes proxectos para este concurso, “xa que demostra a grande implicación da nosa mocidade para frear unha problemática real da nosa sociedade”.

“É un orgullo ver como as xeracións de futuro achegan a súa ollada fresca para visibilizar, sensibilizar e acabar coa violencia de xénero”, explicou a rexedora. González quixo destacar a orixinalidade do vídeo do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández, cunha mensaxe directa e clara as violencias machistas.