A Mancomunidade do Baixo Miño acorda axudar economicamente ao pobo de Ucraína Os rexedores e rexedoras dos catro municipios tomaron a decisión por vía de urxencia nunha reunión mantida onte no Concello de Tomiño

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño (MIBM) destinará 6.000 euros do seu orzamento a axudar á poboación de Ucraína. Así o decidiron onte os alcaldes e alcaldesas dos municipios de A Guarda (AntonioLomba), O Rosal (Ánxela Fernández), Tui (Enrique Cabaleiro) e Tomiño (Sandra González), reunidos na Casa do Concello deste último co fin de aprobar os orzamentos da entidade.

Durante a reunión, os rexedores e rexedoras dos catro municipios baixomiñotos expresaron o súa consternación e rexeitamento total á invasión e ataques do exército ruso ao país ucraíno, e acordaron solidarizarse co pobo, tramitando unha modificación orzamentaria por valor de 6.000 euros para destinala a axudar á poboación afectada. “Con esta acción queremos simbolizar a indignación e profunda tristeza e preocupación que este ataque á democracia nos produce a nos e á cidadanía que representamos”, explicaron os e as titulares dos gobernos locais unidos na MIBM.

Con respecto á forma da axuda, explicaron que a mesma estudiarase de acordo coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias)de maneira que se dedique a contribuír a paliar a grave situación de crise humanitaria pola que está a pasar a poboación civil.