A Mesa contra a Violencia de Xénero de Tomiño traballará na elaboración dun Protocolo de actuación Reúnese este venres 23 de febreiro para tratar de poñer en común demandas e necesidades de todos os sectores implicados

A Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Tomiño reúnese por primeira vez tras a súa constitución este venres 23 de febreiro cun obxectivo claro: propoñer a elaboración dun ‘Protocolo de coordinación contra a violencia de xénero do concello de Tomiño’, segundo o documento remitido pola Oficina de Igualdade tomiñesa a todos os integrantes desta mesa. Esta proposta xustifica a necesidade da creación dun protocolo de actuación conxunto neste ámbito e establece as distintas pautas a seguir para a súa elaboración coas achegas de todos os sectores implicados.

Dende a Oficina de Igualdade e do propio concello de Tomiño contemplan este protocolo como “unha ferramenta para mellorar o traballo da Mesa na detección, prevención e tratamento ás mulleres en situación de violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e e persoas dependentes que teñen a cargo”. Este documento servirá para elaborar itinerarios de actuación e establecer as derivacións que resulten necesarias entre os distintos departamentos e organismos implicados, municipais e supramunicipais, coa finalidade de poder ofrecer unha atención integral.

Esta reunión servirá tamén para facer unha posta en común das necesidades e demandas que cada un dos sectores implicados detecte no desenvolvemento do seu traballo na área da violencia de xénero, así como sobre a situación actual, para mellorar a atención ás mulleres en situación de violencia e ao seu ámbito familiar. As ideas que xurdan desta reunión servirán para sentar as bases dese protocolo de actuación conxunto.

Unha vez aprobada a súa elaboración, a Oficina de Igualdade de Tomiño será a encargada de redactar o protocolo incluíndo as achegas de todos os departamentos, que deberá ser aprobado de forma definitiva noutra Mesa contra a Violencia de Xénero.

A Mesa reunirase este venres ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello e contará coa presenza expertos do ámbito educativo, sanitario e xurídico, así como representantes dos Servizos Sociais, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da área de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno, Deputación de Pontevedra e Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.