A mocidade protagonizará a nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo

A mocidade protagonizará a nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo O Consello de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño aprobou as bases do OPT 2023. Ademais deu luz verde ao programa de actividades e ao orzamento para 2023

Tomiño e Vila Nova de Cerveira seguen a dar pasos na súa aposta por compartir cada vez máis servizos, proxectos e iniciativas conxuntas. Neste camiño, o Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño mantivo un novo encontro no que se abordaron diferentes cuestións de futuro, como a celebración dunha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), que nesta ocasión “estará dirixido á mocidade buscando darlle un novo impulso e maior protagonismo aos cidadáns e cidadás do futuro”, como explicaron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Cerveira, Rui Teixeira, durante a reunión mantida co equipo técnico.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023 pretende dar continuidade ás catro edicións celebradas dende 2016, que conseguiron implicar a máis de 50 asociacións dos dous concellos e posibilitaron que se traballara de forma conxunta na preparación de 25 proxectos no marco da Axenda de Cooperación financiada con fondos FEDER da Unión Europea Interreg 2014-2020. Os dous rexedores salientaron que este instrumento de participación pública na gobernanza transfronteiriza “converteuse nunha ferramenta imprescindible para promover a transformación das relacións entre sociedade e institucións e, no noso caso, como a mellor opción para facilitar a relación e a iniciativa conxunta entre os habitantes dos nosos concellos”.

Por decisión de todas as persoas votantes nas anteriores edicións, a infancia e a mocidade tiveron un protagonismo destacado nos proxectos anteriores. Por ese motivo, e tras dous anos de pandemia da COVID.19, a Axenda 2030 da Eurocidade Cerveira-Tomiño retoma a actividade de forma decidida reflectindo este protagonismo no OPT-23, que estará orientado á xente máis nova co obxectivo de incrementar a participación e o poder de decisión da veciñanza do futuro. Así, mozos e mozas de 12 a 25 anos tanto residentes na Eurocidade como non residentes pero matriculados en centros de ensino dos dous municipios participarán este ano na votación para a elección de dous proxectos financiados cun importe de 20.000 euros, que este ano estará centrada en catro iniciativas elaboradas nun proceso de participación pública chamado ‘Axenda para a Mocidade Eurocidade Cerveira-Tomiño’ que se celebrou no primeiro semestre de 2022.

Deste xeito, a Eurocidade Cerveira-Tomiño mantén o seu compromiso co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas e cos desafíos ambientais, de integración social, mobilidade e conectividade priorizados a escala europea para 2021-2027. Dende a Eurocidade agradécese a boa disposición das direccións e profesorado dos centros educativos, que colaborarán activamente tanto na difusión do OPT 2023 como no proceso de votación.

Por outro lado, o Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade tamén procedeu a dar luz verde ao plano de actividades e ao orzamento para o vindeiro ano 2023, ademais de analizar as propostas para a renovación da titularidade das Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza, que aprobarán proximamente ambos os dous concellos.