A mocidade tomiñesa organiza un Nadal solidario O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia traballou arreo desenvolvendo numerosas iniciativas para unhas festas que non esquezan a ninguén

Nun Nadal atípico e complicado como o que nos tocou vivir este ano, o colectivo Voces Novas, Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, estivo traballando arreo ultimamente en varias iniciativas para conmemorar estas festas, onde tiveron claro que o importante era non deixar a ninguén atrás.

Durante as últimas semanas organizaron nos distintos centros escolares a redación e o envío de postais ás persoas maiores do Concello que viven soas ou en residencias de anciáns —As postais dirixidas aos usuarios das residencias foron entregadas polos propios nenos e nenas—, para que se sintan arroupados nestas datas tan sinaladas e saiban que a mocidade tomiñesa non se esquece deles.

Desde o colectivo tamén se encargaron de crear multitude de adornos natalicios que engalanaron a Praza do Seixo e o Mercado de Tomiño, onde participou tamén o alumnado de todos os centros de ensino do municipio. Desde a Concellería de Mocidade e Participación Infantil queren agradecer enormemente aos centros a súa implicación e esforzo nesta iniciativa. Na creación da decoración tamén participou o alumnado do programa EncáixaT, organizado polo Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), que se encargou de facer unhas tabliñas de madeira con felicitacións natalicias para decorar os centros de ensino e a Praza do Seixo.

A mocidade de Voces Novas tamén instalou no Mercado Municipal unha árbore dos desexos, no que as persoas poden pendurar nas súas pólas os seus desexos para o vindeiro ano. Entre as peticións máis destacadas, aos clásicos como saúde ou traballo este ano sumouse tamén o desexo de que a pandemia non demore en acabar, para poder volver a abrazar aos seres queridos. A árbore tamén está pensada para ser un punto de intercambio de ilusións e sorpresas. As persoas poden deixar ao seu pé unha cousa que xa non queiran e que pensen que lle pode gustar a alguén e coller no seu lugar algo que deixase outra persoa.

Outra das iniciativas do grupo que se levará a cabo este Nadal é a realización dun “autocine” o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas, na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme “Solo en Casa”. A intención é poder desfrutar do cinema natalicio en compañía creando un espazo de seguridade para todos e todas.