A Mostra de Cultivos reinvéntase e chega á súa 17ª edición cargada de novidades Será “unha Mostra máis profesional para as empresas e máis participativa, dinámica e lúdica” para o público xeral. Celebrarase os vindeiros 13, 14 e 15 de marzo no Pavillón de Goián

Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega á súa décimo séptima edición renovada e con moitas novidades no peto. Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a mostra celebrarase os vindeiros 13, 14 e 15 de marzo no pavillón municipal de Goián tras un intenso esforzo por “reinventarse” e por ofrecer un amplo e atractivo programa tanto para profesionais como para público xeral, como destacaron durante a presentación este xoves no salón de plenos do concello tomiñés. “As necesidades da sociedade e do sector van mudando cos anos e cremos que era o momento de repensar a Mostra, de apoiar de xeito máis decidido o ámbito profesional e de reforzar tamén a súa visión social. Seguimos representando ao sector agro do Baixo Miño, pero ofreceremos unha nova perspectiva da que poderá desfrutar toda as persoas que se acheguen a un pavillón transformado en xardín verde”, salientou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.

Xa consolidada a nivel galego, coa nova programación “a Mostra da un paso máis que nos parece moi importante. Convértese nun evento máis profesional para as empresas e moito máis participativa, máis dinámica, máis aberta e máis lúdica para a veciñanza”, sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Así, por primeira vez haberá dobre xornada de portas abertas en diferentes viveiros, unha con obxectivo profesional para empresas do sector da comarca e de fóra o venres 13 e outra aberta ao público en xeral o domingo 15, “unha oportunidade única para que a xente nos coñeza de primeira man pasando unha tarde en familia. Deste xeito tamén mesturamos agro e turismo, un nicho de mercado no que vimos traballando dende hai tempo e que acabará sendo unha realidade”, explicou Rodríguez.

A Mostra abrirá as súas portas ao público xeral o venres 13 ás 17.30 h e celebrará o seu acto de inauguración oficial o sábado 14 ás 12.30 h coa presenza de distintas autoridades. Descargar o programa completo premendo aquí.

Novidades

Atendendo a unha cuestión que visitantes e veciñanza viña demandando dende hai tempo, a Mostra contará por primeira vez cun espazo de venda ao público durante os tres días que dura o evento. Na “Tenda da Mostra” todas as persoas interesadas poderán comprar produtos das empresas participantes no evento e levar a casa un anaco do Baixo Miño de xeito sinxelo e solidario, xa que unha parte da recadación irá destinada a San Xerome Emiliani.

Tamén por primeira vez habilitarase un lugar de encontro, o bar-cafetería ‘EntrePlantas’ “que achegará moito dinamismo á Mostra e que servirá para que os profesionais do sector que acoden a ela poidan facer negocios dun xeito máis distendido pero tamén para que as persoas visitantes desfruten doutra forma do evento”. Este espazo complementarase cunha sesión vermú o sábado coa música en directo de Acevedos Delgados (13.30 h) e o domingo de Hourglass (13.30 h), así como co concerto de Awen Music o sábado ás 20.30 h.

Obradoiros prácticos sobre trampas de vespa velutina, ‘hoteis de insectos’, arranxos florais ou  sobre como facer o teu propio xardín vertical ou o teu propio compost serán o complemento perfecto a dúas conferencias impartidas por profesionais recoñecidos:

  • Belén Varela, experta en organización do traballo e recursos humanos, falará sobre ‘Felicidade responsable: a ciencia e a práctica do bo traballo’ durante a conferencia inaugural da Mostra (venres 13, 18.00 h).
  • Pedro Pablo Gallego, profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo explicará ‘Os retos de futuro do sector agro: agricultura 4.0’ (sábdo 14, 11.00 h).
Para os máis pequenos e pequenas

A sorpresa para os máis pequenos e pequenas da casa chegará da man do LEGO Corner, que estará na Mostra da man da Cámara Municipal de Paredes de Coura, “unha das poucas cidades de Europa habilitadas como punto LEGO”. Ademais, a Eurocidade Cerveira e Tomiño celebrará unha mesa de traballo sobre asociacionismo e o sector agro o domingo 15 (13.00 h), coñeceranse algunhas das novidades do sector con acuBam innovación, coñecerase ao gañador ou gañadora da segunda edición dos Premios Xardín Galego, postos en marcha por acuBam e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), e todas as persoas visitantes poderán desfrutar dunha exposición do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais que amosarán obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.