A OMIX de Tomiño, un referente para o alumnado do IES 1º de Marzo de Baiona A técnica responsable do servizo impartiu unha charla activa e participativa en formato online para o alumnado do Ciclo Superior de Animación Social e Turística

A técnica municipal responsable da OMIX de Tomiño, Elisabet Pérez de Santiago, impartiu a semana pasada unha charla en formato online co alumnado do Ciclo Superior de Animación Social e Turística do IES 1º de Marzo de Baiona. A actividade estivo orientada ao alumnado do 1º curso do módulo profesional de Información Xuvenil, que ten como obxectivo principal formar a informadores e informadoras xuvenís adquirindo os coñecementos precisos para desempeñar as funcións da intervención, execución, avaliación da intervención, promoción e difusión e xestión da calidade da información.

Na charla, Elisabet compartiu co alumnado un resumo da andadura da OMIX dende a súa posta en marcha no ano 2002 ata a actualidade, falando dos recursos humanos existentes, dos proxectos realizados, das claves dunha boa información, formación, orientación e asesoramento á mocidade. Tamén se falou sobre a financiación da oficina, da consolidación da mesma, do traballo por obxectivos, das ferramentas e habilidades necesarias para ofrecer un servizo de calidade onde a mocidade é a verdadeira protagonista.

A técnica tivo o pracer de responder en directo as variadas preguntas do docente e discentes, e aproveitou a oportunidade para falar dos novos retos e programas nestes tempos de pandemia, do seu papel como Oficina Multiplicadora Eurodesk e como Servizo de Voluntariado Local e Europeo.

En palabras do profesor desta materia, Manoel Ucha, “no módulo profesional búscase coñecer os principios teóricos fundamentais mais o fin último é a posta en práctica dun servizo de información xuvenil de calidade adecuado ás necesidades das persoas mozas mediante a construción de espazos de participación activos e abertos. A conversa coa técnica da OMIX de Tomiño buscou achegarse á mirada técnica dunha profesional que converteu a oficina de Información Xuvenil dun pobo pequeno nun referente no país galego”.