A OMIX de Tomiño visita o Instituto Antón Alonso Ríos para promocionar a súa labor entre a mocidade A concelleira Fátima Rodríguez encabezou a comitiva que se entrevistou cos 600 estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos de FP

A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño quere coñecer a opinión que a mocidade da vila ten da propia entidade. Para iso, organizou recentemente, entre outras accións, un concurso co fin de plasmar nunha frase ou nun deseño gráfico ou debuxo o que é a OMIX de Tomiño para a xente usuaria.

Nunha xornada de traballo intensa, a pasada semana, unha representación da oficina municipal, encabezada pola concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, achegouse até o IES Antón Alonso Ríos, para falar da OMIX cos case 600 alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e Ciclos de FP que asisten ao centro educativo.

A actividade, que contou coa colaboración do claustro docente, aproveitouse ademais para repartir as 600 bolsas de tea sobre o significado da OMIX, serigrafiadas coa creación gañadora de LAURA CALVO CALZADO, alumna de 1°de Bacharelato.

Durante a presentación, realizada pola técnica do servizo, Elisabet Pérez De Santiago, deuse acoñecer tamén a programación cultural de primavera chea de posibilidades para a mocidade.

Saímos do IES coa satisfacción de ter realizado un traballo intenso nunha xornada intensa pero marabillosa”, sinala Fátima Rodríguez, que estivo acompañada polos técnicos e o concelleiro Agustín González, o máis novo da corporación.

Falamos da OMIX de Tomino; unha oficina para informar, formar, orientar e asesorar á mocidade que é tamén oficina Eurodesk; entregamos un comic deseñado por Joana Lomba que presenta de xeito ameno o noso servizo para a mocidade, e dimos difusión á nosa programación municipal de primavera, facendo entrega das axendas que recollen toda a oferta de calidade,ademais de repartir bolsas de tea, bolis e chapas”, explica a técnica responsable do servizo.

Detrás deste servizo municipal público e de calidade, destinado á mocidade de 12 a 35 anos, hai horas de moito traballo realizado con emoción, ganas e ilusión. O que nos motiva é crer na mocidade, crear espazos e ofertas formativas e de lecer, fomentar a participación xuvenil. Ser un referente a seguir”, comenta a concelleira.