A OMIX Tomiño participa na Semana Europea da Xuventude 2021 Baixo o lema “Our Future in Our Hands” lévanse á rúa e centros educativos un photocall e moita información sobre programas e actividades para a mocidade

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño participa na Semana Europea da Xuventude 2021 “Our future in our hands”, que se celebra dende o 24 ao 30 deste mes. Con este fin, encherá as súas redes sociais de contido informativo.

A través dun photocall preparado para a ocasión, a oficina sairá á rúa para dar a coñecer os novos programas da UE para a xuventude 2021-2027, tales como o novo Erasmus +,  o Corpo Europeo de Solidaridade, a rede Eurodesk, etc. Unha das visitas programadas é o IES Antón Alonso Ríos para levar ao alumnado as últimas novidades sobre proxectos europeos e actividades.

Os puntos de Eurodesk España (entre os que se atopa a OMIX Tomiño) volcáronse na organización deste gran encontro bienal programando ao redor de 250 eventos. Estas actividades levaranse a cabo online ou de xeito presencial e contarán coa participación de 5.500 mozos e mozas de todo o país.

As Semanas Europeas da Xuventude (SEJ) organízanse cada dous anos e permiten trasladarlle á mocidade as oportunidades que lle ofrece a Unión Europea.

Nestes encontros foméntase o debate de temas relevantes para a sociedade co fin de coñecer  a opinión de mozas e mozos e de aumentar súa participación.

Tras a última Semana Europea da Xuventude celebrada en 2019, esta edición celebrarase do 24 ao 30 de maio e ten como lema “Our Future in Our Hands – O noso futuro nas nosas mans”.

Todos os eventos rexístranse no  Portal Europeo de la Juventud

En redes sociais poden atoparse actividades cos hashtags #EUYouthWeek #SEJ2021 #EYW2021 #EurodeskEspaña #SomosEurodesk.