A paisaxista Sinda Davila deseña cinco novas rotondas en Tomiño a modo de escaparates do viveirismo, motor económico do municipio A experta traballa coordinadamente cos viveiros da zona (representados por acuBam) e coa Fundación Xavier Pousa, responsable do proxecto “Cultivando Paisaxes” dentro do que se engloba esta actuación

A paisaxista viguesa Sinda Davila é a artífice do deseño das rotondas da nova avenida Baixo Miño, construída arredor do centro urbano de Tomiño co fin de reducir o tráfico rodado no centro do municipio.

A experta traballa de forma coordinada cos viveiros da zona (representados por acuBam. Asociación de Cultivos do Baixo Miño) e tamén coa Fundación Xavier Pousa, responsable do proxecto “Cultivando Paisaxes”, dentro do que se engloba esta actuación.

O obxectivo era o de converter cada rotonda (son 5) nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila. Así, a xente que circulara pola nova avenida, podería ver algo diferente e preguntarse o por que.

Davila decantouse por deseños “orgánicos”, con moitas plantas e árbores que vaian florecendo en distintas épocas do ano. “A min, preocupábame, sobre todo, os volumes e a estrutura, e díxenlles a eles –os viveiristas- que elixiran as plantas que quixeran amosar”, aclara a autora dos deseños, coma o da rotonda situada na saída da vila pola estrada que vai a Gondomar. Nesta, hai rododendros, carballos -que abren en forma de pirámide-, hortensias do tipo “paniculata” (especie de hortensia máis forte e resistente que a común, que pode alcanzar os 4,5 metros) de cor verde lima e verde branco; liriopes o serpentinas, etc. Entre eles, malla anti-herbas (para minorar as tarefas de mantemento), perfís de metal (para que nun futuro non se perda o deseño), rego gota a gota (para aforrar auga) e un “río” de cristais azuis reciclados, ademais de pedras (canto rodado branco e gravilla) e luces tipo led. Un soporte explicará que as rotondas forman parte do proxecto “Cultivando Paisaxes” e un código QR indicará os nomes das plantas e árbores e os viveiros onde atopalas.

Noutra das rotondas puxéronse maceiras ecolóxicas rodeadas dunha plantación de diferentes plantas (azalea, diosma, loropectalum, physocarpus e gravillea) a que van florecendo diferente segundo a época.

Os traballos nas rotondas vanse realizando de forma simultánea e, en xeral, están xa moi avanzados, aínda que os resultados definitivos non se observarán ata dentro dun ano.