A partir do luns 15 Tomiño volverá a estar comunicado con Cerveira O delegado do Goberno en Galicia informou da reapertura de tres pasos fronterizos entre Galicia e Portugal, entre eles, o de Goián. De luns a venres, de 8 a 22 horas

A partir do luns día 15, abrirase a circulación nos pasos que comunican Salvaterra do Miño con Monçao; Tomiño con Vilanova de Cerveira, e Arbo con Melgaço, de luns a venres en horario de 8 a 22 horas.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe da apertura de tres novos pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal a partir do próximo luns. Así, desde o día 15 restablecerase a circulación, de luns a venres entre as 8 e as 22 horas, nos municipios de Arbo con Melgaço; Salvaterra do Miño con Monçao, e Tomiño con Vilanova de Cerveira.

Losada subliñou a resposta positiva do ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, á solicitude exposta polos municipios galegos nas últimas semanas co fin de favorecer a comunicación co norte de Portugal, tendo en conta que o fluxo habitual interrompeuse pola pandemia.

O delegado do Goberno valorou a sensibilidade do Goberno de España e do Ministerio de Interior, á vez que agradeceu a decisión que permite incorporar tres pasos fronteirizos aos que se manteñen abertos desde o inicio da crise sanitaria. Até agora permitíase o tránsito entre fronteiras en Tui (Pontevedra)-Valença e Verín (Ourense)-Chaves. A estes dous pasos sumouse de maneira provisional durante as últimas semanas o de Calvos de Randín (Ourense) con Tourén.

Desta maneira frutifican tamén as conversacións que o delegado do Goberno mantivo nas últimas semanas coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño Transfronteirizo (AECT Río Minho) para analizar a situación. Naquel encontro, no que tamén participou a Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira, Losada escoitou as propostas de reapertura de fronteiras e comprometeuse a trasladar estas peticións ao Ministerio de Interior, que agora dá resposta coa reapertura de tres novos pasos fronteirizos.

Con iso, continúa o proceso de desescalada e o avance cara a unha nova normalidade que permitirá recuperar os fluxos de tráfico e a convivencia entre os veciños dos municipios fronteirizos de Galicia e Portugal.

Sempre dentro dos protocolos de seguridade e atendendo ás medidas adoptadas por cada país, Javier Losada avogou por favorecer a coordinación entre España e Portugal neste proceso para facilitar a comunicación, pero sempre garantindo a saúde das persoas.

11/06/2020