A Praza do Seixo concentra a actividade cultural do verán en Tomiño Este venres, 17 de xullo, haberá cinema ao aire libre coa proxección de “El Parque Mágico”. Na Praza do Seixo ás dez e media da noite (22.30h)

A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio

 

O Concello de Tomiño, tras redeseñar a programación cultural de verán por mor do Coronavirus, arrancou a súa axenda o pasado día 3 de xullo co concerto do grupo “De Vacas”. As actividades continúan este venres, 17 de xullo, con cinema ao aire libre na praza do Seixo e a proxección de “El Parque Mágico”, ás dez e media da noite (22.30h).

O venres 31 de xullo á mesma hora e lugar, nova sesión de cine familiar, con “El regreso de Mary Poppins”.

Xa en agosto, o sábado 8, ás 21 horas, o público infantil poderá gozar co pallaso Peter Punk, no espectáculo “Punkdemia”, o novo espectáculo da compañía Peter Punk Pallaso, pensado e creado para todas as normalidades. Un espectáculo viral e divertido adaptado a todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.

O venres 14 ás 22.30h, concerto de Brassica Rapa, un grupo de ventos e percusión formado integramente por rapazas, que ten como finalidade a visibilización da muller no mundo do espectáculo, a través dun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop a bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas.

O sábado 22, chegarán os Monicreques con música, na obra “Acuario” (21.00h). Baseado no libro de poemas de María Canosa, esta obra ten coma propósito que a xente miúda, se achegue á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico e mariño.

E pechando a programación, o venres 28 de agosto, a Agrupación Musical de Goián, ofrecerá un concerto, ás 22.30 horas.

Todos os espectáculos serán na Praza do Seixo, gardando as distancias e demais medidas de seguridade para previr contaxios.

Pecha o mes de agosto a Agrupación Musical de Goián, cun gran concerto na praza do Seixo, a partir das 22.30h.

IMPORTANTE: todas as actividades culturais son de balde pero é necesario reservar entrada chamando previamente ao 986622001 (máximo 5 lugares por persoa).

 

Obradoiros

A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio:

OBRADOIRO SILVESTRE DE PRENSADO DE FLORES (6 horas)

Neste obradoiro realizarase un paseo no exterior, recolectando flores e prantas da nosa contorna, e aprenderase todo o proceso de secado das flores cunha prensa de madeira que se ensinará a construír. Traballarase tamén na selección e composición das flores para crear o propio mini xardín nun bastidor. É unha moi boa ocasión para traballar a mirada e a creatividade mentres se goza dunha actividade ao aire libre.

Datas de realización: xoves 16 e 23 de xullo, de 10 a 13h

CURSO DE FOTOGRAFÍA (8 horas)

O curso de fotografía estará baseado na iniciación á fotografía, onde se aprenderá a utilizar a cámara en modo manual para sacarlle o máximo partido e realizar as mellores fotografías. Todas as clases serán no exterior para que o alumnado practique coa cámara en todo momento.

Datas de realización: luns 27 e mércores 29 de xullo, e luns 3 e mércores 5 de agosto, respectivamente, de 10 a 12h.

As inscricións deben facerse na web municipal (www.tomino.gal) e pódese solicitar máis información no whatsapp 604 062 369 ou nos correos electrónicos omix@tomino.gal e

Toda a programación que se ofrece cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios.

educacion@tomino.gal