A Praza do Seixo concentra dúas das citas musicais do fin de semana ‘Fixe Trío’ chegará ao Seixo o sábado dentro do ciclo “O Son das Prazas” e o domingo, a Banda de Música Municipal de Valga

A Axenda de Verán 2022 do Concello de Tomiño continúa cas súas actividades programadas para a primeira semana do mes de agosto.

Este fin de semana a Praza do Seixo de Tomiño concentrará dúas das actividades principais. O sábado, 6 de agosto (22.30h), o ciclo 𝐎 𝐒𝐨𝐧 𝐝𝐚𝐬 𝐏𝐫𝐚𝐳𝐚𝐬 “Fixe Trío” fará vibrar cunha mestura de raíces galegas e portuguesas coa interpretación de obras populares e de creación. Na posta en escena poderase desfrutar do son da voz, do cello e da guitarra, e tamén doutros timbres coma os do violín, as frautas e instrumentos de percusión.

E o domingo 7 porá o broche de ouro de 𝐔𝐧 𝐕𝐞𝐫á𝐧 𝐝𝐞 𝐁𝐚𝐧𝐝𝐚𝐬, a actuación da Banda de Música Municipal de Valga (12.00h). Esta banda xorde da Escola de Música de Valga, fundada en 1996. A formación ten participado en numerosos festivas de Galicia, España e Portugal. Con moitos premios no seu haber, a formación conta cun repertorio que inclúe dende grandes clásicos (como ‘A lenda de Montelongo’), ata pezas menos coñecidas, como ‘Memorias de Gallaecia”.

Por outra banda, o venres 5 de agosto, proxectarase na Praza Pintor Antonio Fernández, de Goián (22.30h), o multipremiado documental “O Gran Camiño”, na primeira cita do ciclo 𝐂𝐢𝐧𝐞 𝐧𝐚 𝐑ú𝐚 e, doutro lado da fronteira, no Auditorio de Vila Nova de Cerveira, celebrarase o concerto de Sam The Kid e Mundo Segundo, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño.