A presidenta da Deputación e o deputado de Cooperación Transfronteiriza recibiron ao novo presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, quen asinou xunto á alcaldesa de Tomiño no libro de honra provincial Coincidiron na necesidade de “aproveitar o momento” para materializar a nova ponte peonil entre as vilas

A recepción da presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez ao novo alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, finalizou hoxe coa certeza da necesidade de “aproveitar o momento” para materializar a nova ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira reclamando dende unha fronte común a inxección de novos fondos europeos do ‘Next Generation”.

O encontro, que tivo o seu momento institucional coa sinatura do rexedor cerveirense e da alcaldesa de Tomiño Sandra González no libro de honra da Deputación, serviu tamén como xornada de traballo para poñer sobre a mesa os avances na tramitación da construción do viaduto.

Neste sentido, anunciouse que xa existen informes sectoriais positivos das administracións competentes e que hai boa predisposición tanto a nivel autonómico como estatal para conseguir fondos europeos que financien a obra, aínda que é preciso pechar compromisos en firme e agardar a distribución final dos cartos. Queda por decidir tamén como se licita a obra, ben dende o AECT Rio Minho, dende a parte galega ou ben dende a parte portuguesa, xa que iso incidirá no custo final, por ser o IVE na parte española do 21% e apenas do 6% na parte lusa.

A presidenta provincial, Carmela Silva, felicitou ao alcalde de Vila Nova de Cerveira pola súa recente elección e pola dirección do Consello Coordinador da AECT Río Minho, unha entidade que, como subliñou, “é a AECT máis potente, e xa unha referencia dos novos valores de transformación que quere impulsar a Unión Europea agora concretados nos fondos Next Generation”. Neste senso, apuntou que “ambición” é a palabra que mellor define esta entidade, “de crer que podemos facer todo e non temos que ter límites” e concretada en proxectos como Visit Minho, Smart Minho, así como os que se presentarán aos fondos europeos. A presidenta incidiu tamén nos fondos POCTEP 2021-20276 e subliñou a “clara” posición da Deputación para que sexan investidos en concellos transfronteirizos: “Non pode ser que a maioría dos recursos os leven outros territorios que nada teñen que ver coa fronteira  e que están a recibir moitos recursos”, afirmou.

Respecto ao proxecto do Parque da Amizade, coa ponte peonil que unirá Tomiño e Vila Nova de Cerveira, subliñou que máis alá da calidade da obra arquitectónica, será “un vínculo de unión para crear estratexias e accións conxuntas e garantir dereitos e servizos a ambos lados do Miño”. Cualificouno como “innovador” e “unha excelencia”, para a que “temos o compromiso do Goberno para recibirnos e tomar conciencia de cal é este proxecto”.  “Non o podemos perder –indicou- e estou segura que imos conseguir a financiación. É un proxecto traballado con transparencia, participativo e comprometido”. “É –dixo-  intentar que dous concellos poidan ter un proxecto común que facilite poñer en valor dous territorios irmáns, e que permitiría converter esa zona nun espazo de excelencia, que marcaría unha forma de entender o territorio. Un espazo de encontro onde acontecerían cousas marabillosas a nivel cultural, social e de relación entre dúas vilas que levan tempo traballando para ter visións conxuntas.  E é un discurso que en Europa debería ser aplaudido. Realmente creo que hai poucos proxectos como este que nos poidan situar tanto e que poidan facer que Europa entenda que desde o mundo local hai moitísimo talento, intelixencia e ideas nos concellos”.

Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez, lembrou que o proxecto da ponte peonil foi un soño anunciado en 2012, que deu o seu primeiro paso formal en 2016 co protocolo de colaboración entre Tomiño, Cerveira e a Deputación, cando esta se comprometeu a financiar un concurso de ideas. Subliñou que o proxecto gañador chegou da man da UTE de Burgos&Garrido e o enxeñeiro Alejandro Bernabeu e que o resultado é un proxecto que se adapta á contorna e que permitirá unir ambas beiras do río nun parque transfronteirizo. “Este é o momento”, insistiu Benítez citando a posibilidade de obter fondos europeos do Next Generation pola coincidencia cos obxectivos que a UE marca para os investimentos.

A alcaldesa Sandra González indicou, pola súa banda, que a ponte é un proxecto “para revalorizar o territorio, un espazo único e transfronteirizo que debe ser exemplo de sustentabilidade amais dunha irmandade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Os Fondos Next Generation deben darlle o empurrón final”.

Finalmente, o novo presidente de câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, quen aproveitou para coñecer de primeira man o proxecto técnico da nova ponte con todos os seus detalles, recoñeceu tamén que nestes momentos “hai cartos” para financiar a iniciativa, e subliñou que como responsable municipal traballará arreo por iniciativas que melloren a vida da cidadanía no territorio transfronteirizo.