A primeira Misión Comercial Inversa da contorna, presentada na 16ª Mostra de Cultivos acuBam crea a Bolsa de emprego agraria transfronteriza e recollerá currículums até o domingo no stand do pavillón de Goián

Empresas europeas visitarán este verán Baixo Miño e norte de Portugal para establecer futuras relacións comerciais. Percorrerán instalacións de diferentes empresas e celebrarán reunións de traballo profesionais. Aínda está pendente pechar a data definitiva da Misión, que será en xuño ou setembro.

Contribuír ao posicionamento do sector agro de Baixo Miño e do norte de Portugal “dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca”, buscando de forma proactiva e achegando á zona novas oportunidades de negocio. Ese é o obxectivo fundamental da primeira Misión Comercial Inversa que se celebrará na contorna, presentada na xornada inaugural da 16ª Mostra de Cultivos, que estará aberta ao público  profesional e xeral no pavillón de Goián dende este venres 15 ata o vindeiro domingo 17 de marzo. “Queremos animar a participar a todas as empresas da contorna porque é un mecanismo realmente eficiente para chegar a novos mercados”, salientan dende a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam).

En xuño ou setembro, con data a determinar nos vindeiros días, diferentes empresas europeas de toda a cadea do sector agro visitarán o territorio non soamente para coñecer a calidade dos produtos e servizos, senón que ademais de manter reunións para formalizar acordos comerciais percorrerán a comarca e realizarán distintas actividades coas que poderán comprobar in situ esas características singulares do territorio que lle confiren un valor extra aos produtos da contorna. Todo a través de “actividades conxuntas entre todas as entidades participantes para acadar un fortalecemento comercial estable”. O achegamento a estas empresas europeas permitirá ademais entrar en contacto directo cunha gran gama de compradores profesionais e identificar fortalezas e debilidades do sector para competir en mercados internacionais.

Esta Misión Comercial Inversa, organizada en colaboración entre a acuBam e a Eurocidade Cerveira-Tomiño, realízase no marco do proxecto ‘Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño’ para o desenvolvemento sostible do territorio e a dinamización da economía local transfronteiriza. É un proxecto co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE. Xunto con acuBam, actuarán como aglutinadores sectoriais para facilitar a misión a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e a Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental (ARA-Cerveira). “Galicia e Portugal temos idiomas diferentes pero entendémosnos perfectamente ben. E esa é unha particularidade que soamente se dá nesta zona e que aínda non estamos aproveitando”, subliñaron durante a presentación.

Bolsa de emprego agraria transfronteriza

Nesta aposta por darlle un pulo aínda maior á internacionalización e pola profesionalización do sector abordandoa dun xeito transfronteirizo, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño comezou a súa décimo sexta edición coa primeira programación que conta con contido específico transfronteirizo e que tivo como acción principal co workshop ‘Oportunidades de formación e emprego no agro’, organizado por acuBam e o Concello de Tomiño en estreita colaboración coa Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Unha mesa de debate na que participaron empresas, administracións e organizacións relacionadas con esta actividade económica e empresarial; centros educativos de Galicia e do norte de Portugal e representantes de acuBam, da Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental de Cerveira e Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais para facer unha diagnose das necesidades formativas do sector e para informar ás empresas das modalidades formativas xa existentes a ambas beiras do río Miño, promovendo fórmulas para unha relación estable entre empresas e docentes. “Puxéronse enriba da mesa as dificultades ás que se enfronta o sector, tendencias e problemas de fondo que precisan dunha transformación da propia sociedade e que é necesario ter presentes para poder revertelos”, aseguraron dende a Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Entre as medidas xa adoptadas figuran a primeira bolsa profesional de emprego do sector agrario transfronteirizo, posta en marcha por acuBam co obxectivo de contar cunha base de datos profesional cribada e actualizada que permita ás empresas encontrar con maior facilidade perfís profesionais vencellados ao agro e, á vez, facilitar o desenvolvemento dunha carreira profesional no sector na contorna. Unha ferramenta que servirá ademais de “plataforma que sirva ás empresas para publicar as súas ofertas de emprego”.

As persoas interesadas poderán levar o seu currículum ata o domingo 17 de marzo á Mostra ou envialo a través de correo electrónico a info@acubam.org ou a través do apartado disposto na propia web de acuBam. Esta bolsa de emprego complementarase con formación a través de cursos ou prácticas en empresas.