A saúde mental protagoniza o pleno infantil co que Tomiño conmemora o Día Universal da Infancia

A saúde mental protagoniza o pleno infantil co que Tomiño conmemora o Día Universal da Infancia Nenos e nenas de todos os centros de ensino con concello participaron neste encontro celebrado no auditorio municipal de Goián

A Organización Mundial da Saúde xa o alertou: un de cada sete mozos e mozas de 10 a 19 anos padece algún trastorno mental. Unha situación agravada trala pandemia da COVID, que permitiu sacar á palestra unha problemática case tabú e que este martes rapaces e rapazas de todos os centros educativos de Tomiño abordaron no pleno infantil celebrado en conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia.

O auditorio de Goián foi o escenario escollido para celebrar este encontro que foi presidido pola alcaldesa, Sandra González, e que contou tamén coa presenza da concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, así como do edil de Obras e Acción Rural Alexandre Pérez; do de Participación Veciñal e Lecer, Agustín González; a concelleira do PP Isabel Díaz e a concelleira do PSOE Mirta Misa de concelleiros e concelleiras da corporación municipal. A rexedora quixo destacar a implicación de todos os nenos, nenas, mozos e mozas participantes “porque nos permite coñecer de primeira man a vosa visión, escoitar as vosas opinións e empaparnos coas vosas propostas sobre unhas doenzas difíciles de detectar e que poden facer á nosa infancia e mocidade máis vulnerable”.

Como sinalaron os representantes CEIP Plurilingüe de Tebra, Aitana e Iván, “a época que nos tocou vivir deixou na rapazada como nós moitos medos e inquedanzas, e sentirse seguros e seguras é fundamental par a aprendizaxe e para a nosa saúde mental”. Unha saúde mental que “está máis presente nas nosas vidas do que pensabamos”, como explicaron Fernanda e Yaisa, do CEIP de Sobrada. “Hai moitas causas na nosa contorna que nos afectan máis do que cremos. As redes sociais son prexudiciais se non sabemos empregalas, cheas de influencers que semellan ter vidas perfectas que fai que podamos sentirnos inferiores; as notas, cada vez con máis responsabilidades e carga de traballo que non sabemos xestionar a nivel emocional… E tememos que a situación empeore nos próximos anos”, sinalaron.

Por iso, aínda que gabaron os servizos e actividades municipais que actualmente xa teñen á súa disposición, todas e todos os participantes no pleno infantil coincidiron na necesidade de rachar tabús, promover a educación emocional nas aulas e poñer en marcha novos recursos. Dende talleres e actividades que fomenten o benestar social, como reclamaban Luca e Antía do CEIP de Barrantes ata unha maior presenza de psicólogas e psicólogos nos hospitais, nos centros de saúde e nos colexios proposta polas e polos representantes do CEIP de Tebra ou máis actividades dirixidas á infancia e mocidade, un sitio onde poder falar, máis médicos especializados, obradoiros e charlas divertidas coas que axudarlles a mellorar o comportamento e xestionar emocións ou un centro de xogos e actividades de balde que reclamaron Paula e Gorka, do CEP Pedro Caselles. “Pedimos que teñades en conta que a nosa saúde mental é moi importante e valiosa, que non pensedes que é algo que xa se tratará cando sexamos maiores. Axudádenos a coidala, a cultivala e a crecer cun bo benestar mental e deixádenos decidir sobre cousas que poidamos afrontar, axudádenos a potenciar a nosa creatividade, falade con nós e, sobre todo, dade exemplo. Porque debedes lembrar que nós seremos os adultos e adultas do mañá”, recalcaron Paula e Gorka.

Durante o encontro tamén interviron Laura e Javier en representación do IES Antón Alonso Ríos, e os nenos e nenas do CEIP Pintor Antonio Fernández repartiron pegatinas que fixeron para todas e todos os participantes. As encargadas de dar voz ao centro foron Ana e Hajar. Ademais, Carmen Pousa acudiu en representación de Voces Novas para contar a experiencia do consello da infancia e adolescencia de Tomiño no X Foro de Participación no Parlamento Galego.