A tomiñesa Praza do Seixo acolle mañá o acto “Mulleres en acción. Violencia Cero”, para reivindicar a igualdade de xénero

  • As pezas de creación artística (teatrais, de danza, etc.) terán coma fin concienciar á poboación sobre o problema da violencia machista

 

Mañá martes, 27 de decembro, ás 12 do mediodía, a Praza do Seixo, acollerá o acto “Mulleres en acción. Violencia Cero”, organizado pola Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Tomiño.

Mulleres en acción. Violencia Cero trátase dun proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar á poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta secuela presente na nosa sociedade.

Seleccionáronse 10 lugares no espazo público nas distintas cidades e pobos da provincia inmersos no programa: Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Bueu e Caldas de Reis.

Cada acción ou peza de creación colectiva realizarase nunha praza pública, coma a do Seixo.

Algunha das pezas serán puntuais (performance, teatro e danza) aínda que outras serán procesuais e poderían estenderse  ao longo da xornada, sendo construídas polo público e un/unha artista. Co rexistro das pezas vivas (en vídeo e fotografía) e coas obras de creación colectiva, contémplanse realizar unha exposición colectiva ao remate do proxecto, dando continuidade ao mesmo e incorporando máis actividades.