Á venda os tíckets para participar nunha nova sesión dos sábados con sabor no Mercado

Á venda os tíckets para participar nunha nova sesión dos sábados con sabor no Mercado Este 7 de maio terá lugar unha nova xornada de degustación de pinchos, celebrada ao abeiro da campaña Vive! do Concello de Tomiño

Este 7 de maio tomiñeses e tomiñesas teñen unha nova cita cos ‘Sábados con sabor’, unha das accións programadas ao abeiro de Vive!, unha campaña do Concello de Tomiño coa que se busca a reactivación económica e a dinamización do comercio local. Todas as iniciativas están a ter unha grande acollida por parte do público, que cada fin de semana enche as rúas do municipio para desfrutar do lecer ao tempo que lle dá pulo ao comercio de proximidade.

Este sábado, o Mercado de Tomiño acollerá unha nova xornada na que a veciñanza poderá desfrutar de novidosos pinchos e bebidas, á vez que enche de vida o primeiro andar e a planta baixa. Nesta nova cita, o público poderá degustar de 13.00 a 15.00 horas de dúas bebidas e dous pinchos de  autor creados polos propios praceiros e praceiras para a ocasión con produtos locais ou do propio mercado. Esta fin de semana, o menú contará con volován recheo de atún con maionesa, olivas e pemento do piquillo e croqueta de centolo en Chutnei de cabaza e mazá.

As persoas interesadas en participar poden comprar xa os seus tíckets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño. O prezo de cada entrada será de seis euros e haberá un aforo máximo de 60 persoas.