O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e a alcaldesa, inauguraron o Obradoiro de Emprego de Dinamización Turística

A alcaldesa aproveitou o acto para manter un encontro institucional co delegado territorial e analizar as demandas do concello en relación á administración autonómica

 

A visita a Tomiño do delegado territorial da Xunta en Pontevedra,José Manuel Cores Tourís, coincidiu hoxe coa posta en marcha do Obradoiro de Emprego.

O delegado foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o concelleiro de Urbanismo e deputado provincial Uxío Benítez, e outros membros do goberno local; entre eles o responsable de Emprego e Promoción Económica, Antonio Tartaglione.

Pola súa banda, o delegado estivo acompañado polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

Máis tarde, en Goián, Cores Tourís inaugurou xunto á rexedora local, o novo obradoiro de emprego “Dinamización Turística do Concello” que formará a 20 desempregados na promoción e elaboración de produtos turísticos así como na creación de páxinas web.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en Promoción Turística Local e Información ao Visitante, na que se formarán 10 persoas, e en Confección e Páxinas Web, con outros 10 alumnos.

O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente”.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a visita do delegado territorial e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a desempregados do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses na elaboración de produtos turísticos locais como rutas, eventos culturais, deportivos e de ocio, así como paquetes turísticos, na elaboración de guías, no deseño do aspecto visual da páxina web de turismo do concello e na inserción de documentos, de audio e vídeo, do arquivo documental do municipio, establecendo a condición de accesibilidade e usabilidade.

 

Visita institucional

O delegado territorial aproveitou a visita a Tomiño para manter previamente unha reunión institucional coa alcaldesa da localidade e analizar as demandas e necesidades do concello en relación á administración autonómica.

Durante este encontro analizouse a situación da concentración parcelaria de Estás-Goián-Figueiró. A alcaldesa solicitou a José Manuel Cores Tourís que se axilizara a súa tramitación. Neste senso, o delegado territorial informoulle que se vai facer unha encomenda de xestión de cara a que se poida rematar canto antes. Esta parcelaria beneficiará a 1.288 propietarios, pasando de 12.256 fincas iniciais a 2.697.

Por outra banda, Sandra González tamén agradeceu a posta en marcha do obradoiro que hoxe se inicia, porque permitirá formar a desempregados, “e estamos seguros que será todo un éxito”. En relación á Consellería de Economía, Emprego e Industria, tamén destacou a rexedora a importante colaboración prestada por este departamento autonómico ao concello de cara a mellora e reforma da praza de abastos da localidade, “que se converteu nun referente no centro da vila reactivando o comercio de proximidade”. A subvención nesta obra superou os 380.000 euros.

Finalmente, a alcaldesa tamén analizou co delegado territorial a necesidade da construción dunha variante que permita retirar o tráfico do centro da vila. Recordou Sandra González que a estrada que atravesa o centro urbano de Tomiño é de titularidade autonómica e que o concello estaría disposto a asumir a súa transferencia se se levase a cabo ese novo vial que aliviase de vehículo o centro da localidade. O delegado territorial valorou este proxecto como moi interesante e comprometeuse a falar do mesmo coa conselleira de Infraestruturas para analizar a súa viabilidade, que pasaría por un convenio a tres bandas entre concello, Xunta e Deputación de Pontevedra.