A votación para o nome do IES chega ao seu ecuador cun empate entre dous candidatos

  • As persoas que o desexen poden votar de xeito presencial ou a través de internet
  • A día de hoxe Isaura Gómez e Antón Alonso Ríos teñen ambos un 37% dos votos

 

Desde o pasado venres e durante toda esta semana o alumnado do instituto de ensino secundario de Tomiño vota en urna para poñer nome ao seu centro.

A votación prodúcese dentro da campaña de promoción “Educación da boa”, impulsada dende o Concello en colaboración co IES, e que tenta dar a coñecer e por valor o centro educativo, ao que asisten máis de 600 estudantes.

 

Aínda que a votación pode realizarse a través de internet, tanto no IES coma no Concello, instaláronse dúas urnas para as persoas que prefiran votar de xeito presencial. No caso do instituto, as mesas están sendo atendidas por alumnado voluntario de 1º e 2º de ESO. “O seu comportamento é exemplo de seriedade e madurez. A participación está sendo moi alta. As mesas abren so durante a media hora do recreo e levamos en dous días máis de 130 votos emitidos”, puntualiza o director do centro, Carlos Villanueva.

Segundo explica, os alumnos e alumnas da materia de Oratoria de 2º de ESO, están a traballar e a debater sobre as diferentes candidaturas para o nome do instituto.

No Concello, a urna está custodiada pola responsable de Prensa, no segundo andar do edificio.

 

So no primeiro día votaron a través de internet 364 persoas, con este resultado provisional: Antón Alonso Ríos: 45%; IES de Tomiño 34% e Isaura Gómez: 21%. Pero a día de hoxe (16.00 horas) as porcentaxes mudaron, resultando até o momento empatados, cun 37% dos votos emitidos online, Isaura Gómez e Antón Alonso Ríos, seguidos por IES de Tomiño, cun 26%.

 

A votación continuará até o domingo 13 de novembro ás 24.00 horas en internet, rematando ás 15.00 horas do venres 11, no caso das urnas, quedando estas custodiadas por unha autoridade até o momento do reconto final dos votos, co fin de garantir a transparencia do procedemento.

 

Asemade, o Concello designará unha secretaria/o para levantar ACTA do reconto en urnas, que terá lugar o día seguinte ao remate da votación. Nese momento, engadirase o ficheiro completo das votacións online, rexistradas día a día.

Neste enlace (http://bit.ly/2fepYRm) pódese atopar a biografía dos candidatos/as seleccionados que tamén figuran de xeito resumido na páxina de Facebook do IES: (https://www.facebook.com/iesdetomino/).

O resultado da votación será vencellante e decidirá o nome do instituto dun xeito popular, participativo e democrático.

 

.