A Xunta elixe Tomiño para pechar o programa “21 días co galego e +” no que participaron catro institutos de secundaria de Galicia O acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística e do presidente da Real Academia Galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística escolleu Tomiño para pechar a campaña “21 días co galego e +”, un programa impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, e no que participaron so catro institutos de ensino secundario de Galicia, entre eles, o de Tomiño.

O acto celebrouse na tarde de onte e contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; a coordinadora do programa, Pilar Ponte; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; Margarita Sanz e Iria Muñoz, directora e alumna do IES Antón Alonso Ríos. Asemade, asistiron alumnado e profesorado do IES tomiñés dos cursos participantes e membros das Anpas e da comunidade educativa da provincia e da vila.

A cantante tomiñesa Andrea Pousa interpretou varias cancións ao final do acto, acompañada por varios músicos.

O presidente da RAG explicou na súa intervención, que o instituto de Tomiño era, na súa opinión, o lugar ideal para pechar a campaña, por tratarse dun centro situado no rural, “con conciencia do seu, sen complexos e que aposta e cre no futuro. Un instituto coma este representa para min o que me gustaría que fose o noso País”, asegurou.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradeceu a presenza de todos os asistentes ao acto e participantes, asegurando que “é un orgullo que o IES Antón Alonso Ríos se converta no mellor embaixador da defensa da lingua galega”, lembrando a figura de Alonso Ríos nesta mesma liña e cualificando de xenial unha frase deste persoeiro, “Ningún galego é malo, só aquel que non se fala”, recollida nun dos vídeos realizados polo alumnado tomiñés, que superou, por certo, as 18.000 visitas en internet (https://www.facebook.com/iesantonalonsorios).

O secretario xeral de Política Lingüística explicou que o programa busca que os adolescentes falen máis o galego e perfeccionen o seu uso dentro e fóra dos centros educativos, pero tamén que analicen a súa relación coas linguas que coñecen, sendo conscientes da riqueza que significa poder falar varias linguas.

A iniciativa ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte. Desde entón, desenvolvéronse cinco edicións máis deste proxecto que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Agora, a Secretaría quixo dar un paso máis con esta experiencia e exportala a outros centros educativos. Para iso, puxo en marcha o programa 21 días co galego e + en catro institutos de Galicia:

  • O IES Pontepedriña de Santiago de Compostela
  • O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño
  • O IES Otero Pedrayo de Ourense
  • O IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos

Nesta edición participan 95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos da ESO, de bacharelato e de FP con idades comprendidas entre os 2 e os 18 anos. Estes comprometéronse a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas; e así o fixeron entre o 14 de xaneiro até o 3 de febreiro de 2019.