A Xunta entrega a Protección Civil de Tomiño un novo desfibrilador para velar pola seguridade da cidadanía O municipio está pendente de colocar outros dous aparatos situados nos campos de fútbol da Carballa e de Goián

Tomiño conta dende este mércores cun novo desfibrilador, que nesta ocasión será empregado polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil da localidade. Este novo aparato súmase aos dous desfibriladores cos que xa conta a vila, que están pendentes de ser colocados nos campos de fútbol da Carballa e de Goián e cos que se busca dotar a estas dependencias polas que pasa un gran número de persoas do material indispensable para atender calquera incidencia.

Dende o concello considerábase fundamental que o servizo de Protección Civil contara cun desfibrilador portátil que se poida empregar nos distintos eventos nos que colabora, xa que empregando este aparello nos 10 minutos posteriores ao inicio dunha parada cardio-respiratoria as posibilidades de supervivencia do paciente aumentan ata un 70%.

Formación

Membros de Protección Civil de Tomiño acudiron á Academia Galega de Seguridade Pública, Agasp, da Estrada para recoller o desfibrilador e recibir a formación e acreditación do persoal para o seu correcto uso. O aparato entra dentro dos outros 157 desfibriladores que a Xunta de Galicia entregou este mércores aos corpos de bombeiros comarcais, GES e Protección Civil no marco da aposta do goberno autonómico por dotar os corpos de emerxencias dos concellos galegos cos mellores equipos para unha rápida resposta ante posibles sucesos.

Tras a aprobación do Decreto 38/2017 polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, a Xunta implantou en  Galicia un total de 2.161 desfibriladores e certificou a 17.750 persoas en soporte vital básico e uso de DESA. Na actualidade, 24.000 persoas morren cada ano en España a causa dunha parada cardio-respiratoria.