A Xunta presenta ao Concello de Tomiño o proxecto definitivo da mellora da PO-552, con actuacións en varias interseccións

A Xunta presenta ao Concello de Tomiño o proxecto definitivo da mellora da PO-552, con actuacións en varias interseccións Alcaldesa e concelleiros reuníronse este martes co xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, quen presentou o proxecto encadrado no Plan de Seguridade Viaria de Galicia

Sandra González asegura que é unha obra “necesaria que esperamos que vaia acompañada no futuro de melloras para a mobilidade peonil”

 

Tomiño recibiu este martes 1 de outubro ao xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, José Luis Díez, e ao xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez, que presentaron ante o equipo de Goberno o proxecto definitivo da mellora da seguridade viaria na PO-552, no que se recollen as alegacións presentadas polo municipio. Este proxecto contempla accións como a creación dunha rotonda no coñecido como Cruce do Empalme, así como melloras no cruce de Torrón e noutras interseccións da estrada.

A alcaldesa, Sandra González, manifestou que se trata “dunha obra necesaria que esperamos que no futuro leve aparelladas melloras para a mobilidade peonil, xa que é unha estrada arredor da que hai moitas vivendas e cunha alta afluencia de veciños e veciñas que transitan  por ela”.

Durante a reunión, os representantes da Xunta informaron a alcaldesa e concelleiros da publicación no DOG da declaración de utilidade pública deste proxecto, así como da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados tanto nos concellos de Tui como no de Tomiño.

 

A Xunta presenta ao Concello de Tomiño o proxecto definitivo da mellora da PO-552, con actuacións en varias interseccións

Estas actuacións permitirán mellorar de forma inmediata a seguridade viaria, mentres se avanza nos traballos de treitos pendentes da Vía de Altas Prestacións entre Tui e a Guarda.

As actuacións previstas desenvolveranse no tramo comprendido entre a glorieta do acceso a Figueiró e a parroquia de Sobrada, e consistirán na mellora da intersección no p.q. 60+350, na marxe esquerda, mellora na intersección p.q. 60+470, na marxe dereita, e a mellora da intersección no p.q. 60+510, na marxe esquerda, no lugar de Vilar de Matos.

Ademais, no p.q. 60+600 a intersección actual transformarase nunha glorieta que dará acceso á PO-344, de acceso ao núcleo de Tomiño.

Así mesmo, efectuarase a mellora da intersección do p.q. 69+150 na intersección a Dorrada,  ampliando o carril central de espera para os xiros á esquerda; executaranse cuñas para o cambio de velocidade nas interseccións de maior tráfico, para facilitar as saídas da estrada ou ás incorporacións a ela e tamén vías de servizo en varios treitos para canalizar os accesos, permitindo os xiros en puntos mais seguros.

Finalmente, tamén se realizará unha glorieta na intersección do p.q. 71+000 para a mellora da seguridade viaria no cruce coa PO-350 (Areas-Tomiño).