A XUNTA REMATA A SUBSTITUCIÓN DE CARPINTARÍAS NO CEIP PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ E IMPULSA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA NO CEIP PEDRO CASELLES   Os titulares da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra e da Xefatura Territorial de Educación, visitaron esta mañá xunto á alcaldesa, o colexio de Goián

O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anunciou a actuación no colexio do barrio de Mosteiro durante a visita de supervisión ás obras que acaban de finalizar no centro educativo de Goián.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de rematar as obras de substitución de carpintarías exteriores no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, no Concello de Tomiño, e xa está a impulsar unha obra similar, enmarcada nos proxectos educativos de eficiencia enerxética, no CEIP Pedro Caselles, emprazado no barrio de Mosteiro, que vai comezar de inmediato -segundo indicou o delegado- co cambio de todas as carpintarías exteriores.

Na visita ao CEIP Pintor Antonio Fernández, tamén estiveron, ademais da alcaldesa, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, a arquitecta xefe da Unidade Técnica de Educación, Rosa Sóñora Lunae, e outros representantes municipais e educativos.

A obra xa rematada no CEIP Pintor Antonio Fernández consistiu na mellora da súa eficiencia enerxética e da confortabilidade térmica interior a través do reemprazo das súas carpintarías exteriores e da dotación de novos envolventes cun orzamento de 64.000 euros. Cómpre lembrar que a Xunta investiu máis de 225.000 euros en obras de mellora neste colexio nos últimos anos.

Paralelamente, o Goberno galego xa está a piques de iniciar o cambio de todas as fiestras e portas do CEIP Pedro Caselles cunha achega de 484.000 euros e un prazo de execución de dous meses, que posiblemente se desenvolverá durante os meses centrais do verán. Esta actuación incluirá todas as carpintarías exteriores do edificio central, de dúas prantas e que acolle as aulas de educación infantil e primaria, e as dos inmobles anexos, adicados a usos administrativos e ximnasio.

Patio e pequeno ximnasio

A alcaldesa de Tomiño, acompañada pola concelleira de Educación, Cristina Martínez, agradeceu o investimento e aproveitou a ocasión para incidir ante o xefe territorial de Educación, sobre “unha necesidade histórica” do colexio de Goián: a ampliación e mellora do patio e a creación dun pequeno ximnasio. A rexedora fixo entrega, neste senso, dun proxecto encargado polo Concello sobre o mencionado tema, comprometéndose a achegar o 50% do custe do mesmo, no caso de que a xefatura territorial decidise levalo a cabo.