A Xunta somete a información pública un novo tramo de 8 km da VAP Tui-A Guarda, entre Sobrada e Estás A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou onte no Concello do inicio do proceso de información pública

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou onte do inicio do proceso de información pública do novo tramo da vía de altas prestacións (VAP) de Tui-A Guarda ao seu paso polo Concello de Tomiño, entre Estás e a estrada autonómica PO-350 en Sobrada, e que hoxe se anuncia no Diario Oficial de Galicia a efectos expropiatorios e avaliación de impacto ambiental.*

A conselleira explicou que se trata do tramo intermedio da vía de altas prestacións, unha autovía de 8 quilómetros de novo trazado, para
a que se prevé un investimento da Xunta de 72,8 M€, que se eleva aos 78,5 M€ coas expropiacións das preto de 1.000 leiras afectadas.

Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou a actuación onte no Salón de Plenos do Concello de Tomiño, coa alcaldesa Sandra González, e precisou que desde mañá e até o 25 de marzo os veciños e interesados poderán trasladar as súas achegas.

A partir de aí continuaranse os trámites de análises das propostas recibidas para a aprobación definitiva do trazado e impacto
ambiental a principios do próximo ano.

Este tramo da vía de altas prestacións de Tui-A Guarda, que unirá o núcleo de Estás coa estrada autonómica PO-350 á altura de Sobrada,
terá características de autovía, con dobre carril en ambos os sentidos e cunha velocidade de proxecto de 100 km/ hora.

Ethel Vázquez incidiu na utilidade que suporá esta intervención para os veciños de Tomiño, grazas á rede de ligazóns deseñadas ao longo das súas algo máis de 8 km. A autovía disporá de 5 ligazóns, o que ofrecerá unha gran conectividad coa rede local, suporá a construción de 7 novas rotondas, terá 5 viadutos dobres e 10 pasos, superiores e inferiores.

A titular do departamento da Xunta destacou que no deseño da autovía inclúese, como elemento singular, un falso túnel de 260 metros
de lonxitude para restituír as vías existentes á mesma cota, e preservar a nivel paisaxístico a singular escola indiana Aurora do Porvir.

A conselleira subliñou que esta actuación da Xunta permite avanzar no desenvolvemento por fases dunha infraestrutura estratéxica para a
vertebración do Baixo Miño. Así se referiu á contratación da nova ligazón coa A-55, que incorpora a conexión co polígono de Areas,
licitada en xaneiro deste ano, cun investimento de 21,2 millóns de euros, para iniciar no verán. O prazo de recepción de ofertas das
empresas, finaliza a próxima semana, o día 19.

Avanzou que este ano se redactará tamén o proxecto construtivo que dará continuidade a esas actuacións até a PO-350, en Tomiño. Ademais, informou os traballos que se desenvolven no tramo Estás-Goián, a chamada recta de Figueiró, analizando as alegacións para conseguir o mellor deseño do desdobramento que se vai a facer da estrada PO-552.

Precisamente, tamén na PO-552, ao seu paso por Tomiño e Tui, o departamento que dirixe vai realizar un investimento de máis de medio
millón de euros para executar unha obra de mellora da seguridade viaria, enmarcada na estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes da Xunta. A intervención está agora mesmo en prazo de presentación de ofertas e están convocados para o mes de marzo os propietarios dos terreos para o levantamento de actas previos á ocupación, o que permitirá iniciar as obras no verán.

Remarcou que o departamento que dirixe está a desenvolver toda unha programación realista e viable, abordada cos alcaldes da zona e
axentes implicados, para o 14 km de trazado que restan para completar este eixo de comunicación estratéxico para as comunicacións do Baixo Miño. O Goberno galego puxo en servizo en 2014 o treito entre Goián e A Guarda, cun investimento de 60 M? nos momentos de maiores restricións económicas da Xunta, lembrou.

Unha vez completada a VAP Tui-A Guarda, apuntou, os tempos de percorrido acurtaranse a máis da metade entre Tui e Tomiño, pasando dos 19 minutos actuais a pouco máis de 9.

Vázquez Mourelle expuxo que esta planificación vai acompañada de importantes compromisos de gasto nos próximos anos, como recollen os Orzamentos da Xunta para 2020, cunha partida de máis de 3 M? para a VAP do Baixo Miño no presente exercicio, e futuros por máis de 50 M€.