Aberta a preinscrición para o programa ‘Deporte para todas as persoas’ Trátase dun programa de actividades deportivas gratuítas promovido de forma conxunta polos concellos de Tomiño e Cerveira

Os concellos de Tomiño e Cerveira promoven conxuntamente un programa de actividades deportivas gratuítas que se levará a cabo en equipamentos municipais ata finais do ano 2019. ‘Deporte para todas as persoas’ trátase dunha iniciativa na que se inclúen ata tres variedades de actividades que os e as participantes poderán escoller: piscina en familia, que se celebrará o primeiro sábado de cada mes; actividades para maiores de 55 anos, todos os martes e xoves; e a práctica de diversas modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e nos Instituição Particular de Solidariedade Social (IPSS) de Vila Nova de Cerveira.

Todas as persoas interesadas en participar poden realizar xa a súa preinscrición vía online en galego ou preinscrición en portugués nas páxinas web de ambos os dous concellos (www.tomino.gal e www.cm-vncerveira.pt), así como na de Amizade Cerveira-Tomiño (amizade-cerveira-tomino.eu). Tamén pode facerse de forma presencial en papel cubrindo os formularios dispoñibles en diversas entidades sociais de ambos os dous municipios.

Unha vez recibidas as solicitudes organizaranse os diferentes grupos e se lle comunicará posteriormente as datas de inicio das actividades a todas as persoas interesadas.

Actividades

Piscina en Familia. Na piscina de Vila Nova de Cerveira. Natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 10 anos acompañados de familiares. Primeiro sábado de cada mes ás 19.00 h (hora galega).

Actividades deportivas. Serán clases de pilates, ximnasia, zumba, fitness e actividades afíns dirixidas a maiores de 55 anos. Serán os martes ás 10.00 h (hora galega) en Vila Nova de Cerveira e xoves ás 10.00 h (hora galega) en Tomiño.

Práctica deportiva en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira, que serán os martes e xoves pola mañá.

O programa ‘Deporte para todas as persoas’ forma parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.